A Ocioteca de Verán do Concello de Burela estará aberta do 1 de xullo ao 24 de agosto para nenas e nenos de 3 anos ata 3º de Primaria.

O Concello de Burela organiza a Ocioteca Verán 2022 co fin de conciliar a vida laboral, familiar e persoal no período de vacacións escolares, nos meses de xullo e agosto, no que se farán actividades lúdicas, deportivas e culturais dirixidas ao alumnado que estea matriculado no curso escolar 2021-2022 no segundo ciclo de Educación Infantil e toda a Primaria. Ademais para poder participar nestas actividades é requisito obrigatorio estar empadroado no Concello de Burela.

O programa desenvolverase do 1 de xullo ao 24 de agosto de luns a venres, agás festivos de 9:00 a 13:30 horas. As actividades levaranse a cabo nas instalacións do CEIP Virxe do Carme.

En primeiro lugar seleccionarase aos nenos e nenas daquelas unidades familiares na que ambos proxenitores teñan vixente unha relación laboral ou estean realizando un curso do plan de formación en horario de mañá. No suposto de separación, divorcio ou familias monoparentais atenderase a que este requisito se cumpra respecto do proxenitor que se atope a cargo do/a menor.

O prazo de inscrición remata o 13 de xuño, na oficina de Gaia, na Praza de Abastos, antiga Capitanía Marítima. Un mesmo participante poderá solicitar ambos meses ou un só. Unha vez rematado o prazo deberá consultarse as listaxes de admitidos, o día 15 de xuño. No caso de haber máis solicitudes que prazas realizarase un listado de reserva por sorteo que se levará a cabo o 17 de xuño.

As persoas interesadas poden solicitar máis información no departamento de Medio Ambiente, nos teléfonos 982 580 867 e 647 136 673 ou no correo gaia@burela.org