Os días 10 e 13 de agosto terá lugar o Festival de Cine Curto Ribadeo Ollo de Boi, no que o público terá un papel decisorio.

Os días 10 e 13 de agosto terá lugar o Festival de Cine Curto de Ribadeo Ollo de Boi, que foi presentado esta mañá nas inmediacións do Teatro. Nel presentaranse oito curtametraxes e o público terá un papel moi importante. 

A concelleira de Cultura de Ribadeo, Pilar Otero, asegurou que “dende a Concellaría da Cultura sempre apoiamos as iniciativas da xente da zona, e si por riba veñen de man de xente nova pos moito máis. Alegrámonos de que tomen a iniciativa, de que dean pasos adiante e sempre saben que teñen a nosa porta aberta sempre que esteamos en disposición de poder axudalos. Neste caso non o dubidamos, desde o primeiro momento nos pareceu unha iniciativa moi interesada e estamos encantadísimas de que salga adiante”.

Carme Rodríguez, propulsora da organización do evento, explicou que “o Festival de Cine Curto de Ribadeo Ollo de Boi vai consistir en dúas fases, unha semifinal e unha final, os días 10 de agosto, mércores, nos cines de Ribadeo, e o 13, sábado, será a final aquí no Cine Teatro. Queremos poñer en valor os proxectos audiovisuais da xente, dos creadores e creadoras da Mariña. Temos oito curtametraxes, todas elas feitas por xente da Mariña e dos arredores, da provincia de Lugo e do Occidente de Asturias”. As proxeccións serán ás 20 horas.

Carme Rodríguez anima á xente a acudir ao Festival: “o público terá un papel fundamental que será o de elixir, por unha parte, qué curtametraxes pasan á final, e xa como colofón, qué curtametraxe leva para casa o premio Ollo de Boi. Así que invitamos a todo o público que se achegue, por que vai ser unha experiencia diferente e moi divertida”.