Os días 19 e 20 de xullo terán lugar as xornadas de historia "Cervo a carón do patrimonio". Contarán coa participación de relatores de primeiro nivel.

Cervo acollerá o venres, 19 de xullo, e o sábado, 20 de xullo, as xornadas de historia “Cervo a Carón do Patrimonio”, organizadas que se desenvolverán en escenarios do noso municipio como a Casa do Mar de San Ciprián, o Museo do Mar ou o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

Tal e como explicou a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés “trátase dunha actividade divulgativa gratuíta que é unha oportunidade única para poñer en valor todo ese rico patrimonio que atesoura o noso municipio, de sacalo á luz para que que toda a veciñanza poida entrar tamén en contacto co noso pasado”.

García Caramés recordou que a inscrición para estas xornadas, que están dirixidas a todas as persoas con curiosidade e que desexen coñecer en profundidade a historia do noso municipio, continúa aberta no teléfono 982595157 ou no correo casadacultura@concellodecervo.com.

As xornadas contarán coa participación de relatores de primeiro nivel como o Catedrático de Historia das Institucións Económicas da USC, Xoan Carmona Badía; o profesor da USC e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Carlos Andrés González Paz; a doutora de CC.SS. da Xunta de Galicia, Herminia Pernas; a experta en xestión do Patrimonio Cultural, licenciada en Xeografía e Historia e conservadora do Museo Provincial de Lugo, Silvia Fiallega; o profesor de filoloxia, escritor, poeta e dramaturgo, Paco Rivas; o conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo e licenciado en Xeografía e Historia, Juan Ramón Fernández Pacios; o profesor da UNED e investigador do Grupo de Pesca da USC, José María Leal Bóveda; e o graduado en Historia da USC, Adrián Cao.

O venres, 19 de xullo, ás 10:00 horas, na Casa do Mar, está prevista a inauguración das xornadas; e ao longo dese día haberá charlas divulgativas complementadas con diferentes roteiros por San Ciprián; con escenarios como a Ponte Románica, o Museo do Mar, as antigas Fábricas de Salgadura ou o Faro de San Ciprián.

O sábado, 20 de xullo, tamén están previstas diferentes relatorios con saídas de campo que permitirán aos participantes a coñecer un pouco más sobre a historia do Complexo Industrial de Sargadelos e da arquitectura indiana no Concello de Cervo. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, será a clausura da actividade.

Nas xornadas abordaranse todas as épocas históricas relacionadas co noso territorio, dende o desenvolvemento dos portos na Idade Media ata a conflitividade social, sen esquecer a historia do Complexo Industrial de Sargadelos, a visión da muller e os traballos que desempeñou na sociedade mariñeira; os ataques corsarios nas nosas costas e as defensas litorais; ou a fraseoloxía mariñeira, entre outras temáticas.

Tal e como precisou Caramés “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo, pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que descoñecemos”.