
O programa de actividades Plans con corazón chega ao seu fin a vindeira fin de semana con dúas actividades programadas nos concellos de Cervo e O Vicedo, coas que coñecer un pouco máis estes municipios mariñáns. O sábado, 14 de novembro, O Vicedo acollerá o plan Entre dunas e volcáns, co guía experto en xeoloxía Iván Rodríguez, que liderará unha ruta xeolóxica pola praia de San Román– Arealonga (para esta actividade xa se esgotaron todas as prazas). Ese mesmo día os alumnos do grao de Turismo da UDC, Anxo García e Juan Fernandes, guiarán a actividade San Cibrao, o ciclo vital da madeira, na que descubrirán esta vila mariñeira a través dos seus oficios tradicionais vinculados ao mar e á madeira.
Aínda é posible reservar praza para a actividade en Cervo a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
Con estas dúas actividades rematará esta sétima edición dos Plans con corazón, co que se deu a coñecer a riqueza dos 16 concellos da Mariña entre a poboación, tanto local como visitante, a través de actividades variadas e atractivas lideradas por guías oficiais de Galicia coñecedores do patrimonio local, por perfís especializados e polos mesmos anfitrións locais. Trátase dun proxecto co que conectar coa esencia da Mariña a través de propostas que nos achegan a espazos singulares e moitas veces descoñecidos, pero tamén ás persoas que os habitan.
Os guías oficiais son Noela Feal, Carmen Delia, Ana Pena e Boris Vilar, guías acreditados ademáisco selo de calidade turística SICTED para o destino A Mariña Lucense; Juan Fernandes, o guía especializado en xeoloxía Iván Rodríguez; e o guía especializado en ornitoloxía Saúl Román.
A Mancomunidade Concellos da Mariña promove este programa de actividades no marco dos convenios de colaboración anuais coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Lugo, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer singulares que poñan en valor o territorio, permitan á poboación coñecer e gozar do territorio e contribúan á desestacionalización do turismo neste destino.
Próximas actividades Plans con Corazón 2026
O VICEDO Sábado 14 novembro
Entre dunas e volcáns. Con Iván Rodríguez Lombardero
Ruta xeolóxica pola praia de San Román - Arealonga-
A praia de San Román - Arealonga, no Vicedo, conta cun importante potencial para a divulgación xeolóxica. Nela aparece unha gran variedade de rochas de idade cámbrica e ordovícica, algunhas delas moi singulares, como os gneises de ollo de sapo.
Ademais, pódense analizar as formas dos seus cantís e as resultantes da interacción do mar co regato de O Vilar e o cordón dunar, o que permite interpretar a súa historia desde a orixe das rochas ata as formas e procesos actuais.
CERVO Sábado 14 novembro
San Cibrao, o ciclo vital da madeira. Con Anxo García e Juan Fernandes
Tradición e artesanía accesible na Mariña Lucense.
Descubre a vila mariñeira de San Cibrao a través dos seus oficios tradicionais, da súa historia e da súa estreita relación coa madeira e co mar.
Un percorrido que permitirá coñecer o legado dos antigos serradoiros, dos emblemáticos estaleiros, como o de Francisco Fra, con máis de 200 anos de historia, e a importancia da actividade baleeira, hoxe conservada no Museo Provincial do Mar.
Ao longo dun itinerario lineal de aproximadamente 2 quilómetros, os participantes percorrerán as distintas fases do ciclo vital da madeira, desde a súa transformación ata a súa utilización na construción naval e noutros usos tradicionais. Descubrirán o traballo dos carpinteiros de ribeira, auténticos artesáns do patrimonio marítimo, e comprenderán como a madeira, como recurso esencial, foi modelando a economía, a paisaxe e a identidade de San Cibrao ao longo dos séculos.


