Panxoliñas, obradoiros para @s nen@s e un photocall moi especial na rúa Rodríguez Murias son algunhas das propostas de Acisa Ribadeo para este Nadal

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo ven de presentar a súa campaña de Nadal, que inclúe panxoliñas, obradoiros para os máis cativos da casa, un photocall moi especial na rúa Rodríguez Murias, e a XIII Festa do Comercio. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anunciou que “vai comezar decembro e Acisa pon en marcha os seus motores á máxima potencia para, xunto co Concello de Ribadeo, facer da nosa vila o destino navideño de referencia. Á programación xa anunciada fai uns días, que inclúe a pista de xeo, a celebración da XIII Festa do Comercio e outras moitas actividades anunciadas por parte do Concello, desde Acisa pretendemos completalas con algunhas mais”.

Cruzado Iglesias subliñou que “o que queremos dende a nosa asociación é contribuír a crear e manter o espírito destas datas en Ribadeo. Para animar as compras e o ambiente do Nadal nas nosas rúas soarán de novo as panxoliñas estes días. En total colocáronse mais de 30 altofalantes en diferentes localizacións, a través dos que soará a música de Nadal, durante esta ponte dende o 1 ao 10 de decembro e dende o 17 de decembro o 6 de xaneiro, en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 18:00 a 22:00 horas polas tardes-noites, co fin de non molestar nas horas de descanso e para crear ambiente nas horas principais do día para a hostalería e o comercio locais”.

E engadiu: “apostaremos tamén polas actividades para os máis pequenos. Contaremos con animación para eles grazas un taller de adornos de Nadal o 23 de decembro nas instalacións de Kids&Us, un dos nosos asociados”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “ademais como novidade contaremos cun Photocall na Rúa Rodriguez Murias, un espazo no que buscamos que veciños e visitantes se animen a fotografarse este Nadal para gardar un recordo destas datas. Este espazo esta formado por unha lona de 5,50 metros de ancho e 3,50 metros de alto, na que se ve a Torre dos Moreno e o Concello, nunca preciosa estampa de Nadal. Estará decorada con elementos luminosos, e presidida por unhas letras corpóreas de 5,50 metros de largo e 0,50 metros de alto nas que se poderá ler o nome de Acisa Ribadeo”.

Pérez Prada lembra: “todo o que implica esta campaña de Nadal para Acisa Ribadeo na que facemos un esforzo sen precedentes. Ao xa anunciado hoxe, hai que lembrar que Acisa organiza a XIII Festa do Comercio con 170.000 rifas e 6.000 euros en premios, colaboramos coa pista de xeo do Concello de Ribadeo, puxemos a disposición dos nosos asociados e asociadas mais de 20.000 bolsas para o comercio para este Nadal, 12.000 bolsas de comida para levar, 1.500 bolsas para botellas de viño, 16.000 envases de comida para levar e 4.000 vasos térmicos. Acisa destina á súa campaña de Nadal preto de 37.000 euros co único fin de facer de Ribadeo o referente navideño da comarca e axudar ás nosas empresas a ter a mellor tempada posible”. 

A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento “para o Concello de Ribadeo e para a Xunta de Galicia, xa que a súa colaboración e axuda é moi importante para poder organizar e coorganizar todas estas actividades de Nadal, que serán un reclamo ao longo do vindeiro mes de decembro. E tamén a BeOne, que estará con nós en citas tan importantes como a Festa do Comercio que terá lugar o 13 de xaneiro, e tamén na Gala de celebración do 35 aniversario de Acisa na que xa empezamos a traballar e que se desenvolverá en abril de 2024”.