A páxina web da OPP Burela ofrece visitas virtuais a embarcacións das súas flotas

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela presenta a través da súa páxina web www.oppburela.com a posibilidade de realizar unha serie de visitas virtuais a barcos de pesca das súas frotas, para que o público poida coñecelos a través da pantalla do seu ordenador ou os seus dispositivos móbiles, podendo gozar aínda máis a experiencia con lentes de realidade virtual. Esta medida inclúese no seu plan de produción e comercialización 2023, con financiamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do FEMPA.

Estas visitas virtuais créanse co obxectivo de poñer en valor o oficio pesqueiro, xunto con outras accións audiovisuais para promocionar e divulgar o “oficio do mar” e a actividade pesqueira das diferentes frotas da OPP Burela.

Pódese acceder a estas visitas virtuais a través da web www.oppburela.com/visitasvirtuales, para subir a bordo dun dos barcos de palangre de superficie ou de arrastre de fondo de litoral do Porto de Burela.

Dentro de cada visita aparecen marcados diferentes puntos de información con vídeos e textos que axudan a comprender mellor como é a actividade a bordo destas embarcacións.

O acceso á páxina distribuirase tamén a través das diferentes escolas náuticas e institutos de ensino secundario para que os alumnos obteñan de primeira man unha visión de como son os buques de pesca.

*ENLACE WEB VISITAS VIRTUAIS: https://oppburela.com/visitasvirtuales