As persoas interesadas en contar cun horto urbano en Burela xa poden inscribirse no Concello.

O Concello de Burela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela inicia a planificación e deseño de hortos urbanos. Aquelas persoas interesadas poderán inscribirse xa en hortosurbanos@burela.org e así o Concello coñecerá a demanda que pode ter esta iniciativa, que forma parte do Plan de actuación ecolóxico, de preservación ambiental e valorización de recursos naturais do Concello de Burela en colaboración coa USC.

O alcalde, Alfredo Llano, contou que “no Concello xa é coñecido que temos un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, a través da Politécnica de Lugo, e entre outros proxectos que compartimos están as hortas urbanas que queremos poñer en marcha en Burela. A partir do luns xa se pode ir apuntando xente. O que pretendemos con esta iniciativa de que se anote a xente é determinar canta hai interesada en participar e compartir algunha horta destas e, unha vez sabida a cantidade de xente, imos empregar máis ou menos superficie para eses hortos. Hai que mirar tamén as bases e acordaremos unha formación para que se poidan levar adiante”.

O rexedor dixo que “queremos que esas hortas sirvan para concienciar á xente a tratar as cousas dunha forma máis natural con produtos que favorezan a nutrición e que se valore o traballo que corresponde a un bo coidado da produción de alimentos. Imos intentar poñelo a andar o antes posible, pero todo leva un trámite. O que pretendemos con esta iniciativa é valorar canta xente puidera estar interesada no futuro en compartir unha destas hortas urbanas que queremos instaurar en Burela”.