A Pomba do Arco, de Foz, programou unha visita guiada ao Pazo de Fontao o 2 de decembro. A inscrición péchase o 30 de novembro.

A Asociación Socio Cultural A Pomba do Arco organiza o 2 de decembro, unha visita guiada ao Pazo de Fontao, na parroquia de Santa Cilla en Foz.

Este conxunto está formado por unha ermida, unha construción dedicada a vivenda levantada sobre os restos dunha antiga fortaleza do século XVII, así como unha ampla finca con xardín.

O percorrido vai comprender a visita á Casa do Pazo, concretamente ao salón de retratos onde se conservan imaxes da totalidade dos señores de Fontao desde o século XVII, e ás antigas mazmorras. Tamén se visitará a ermida de Santo André, antiga capela na que están enterrados algúns dos señores de Fontao, e atópanse imaxes relixiosas dunha capela anterior situada na desembocadura do río Ouro. Por último os asistentes coñecerán o xardín novo da finca, regado por máis de sete fontes.

As persoas interesadas en participar nesta actividade, que estará guiada polo actual conde de Fontao, José Manuel Romero Moreno, deberán inscribirse antes do xoves, 30 de novembro, no correo electrónico da propia asociación apombadoarco@gmail.com, ou no teléfono 608 555 010. O número de prazas para a visita que se realizará en horario de tarde, está limitado a 25 persoas, tendo prioridade a orde da inscrición e a condición de socio.