Preto dun cento de persoas asistirán o 16 de marzo á VII Gala de Acisa, que se celebrará no Parador de Turismo de Ribadeo.

Preto dun cento de persoas asistirán este venres, día 16, á VII Gala de Acisa, que se celebrará a partir das 21:30 horas no Parador de Turismo de Ribadeo. 

Neste evento serán premiados os propietarios de O Bodegón, Florentino Martínez Peláez e Mercedes García López, que recibirán o recoñecemento a toda unha carreira empresarial. O premio como socio honorífico recibirano José Luis Méndez Morán e América López Oliveros, fundadores de Ferraxería Morán. E o galardón como socio do ano será para José Ramón Leal Segura, propietario de Galería Terra Branca.

Ao acto confirmaron xa a súa asistencia o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez. Tamén haberá representación da Deputación Provincial de Lugo e acudirán á cita outros representantes políticos autonómicos e locais. 

A VII Gala de Acisa dará comezo cun photocall ao que seguirán os discursos das autoridades. A continuación terá lugar a cea e despois serán entregados os agasallos aos galardoados nesta Gala, que será conducida polo humorista madrileño Javi González, que se atopa de xira por España co espectáculo “¿Te acuerdas de mañana?”. Este cómico, actor, guionista e presentador foi gañador de numerosos concursos de comedia entre os que se atopan Opera Valenciana, Green Coslada, Ciudad Béjar ou Villa Chica e foi o segundo clasificado no Concurso Nacional de Parla e da sala La Chocita del Loro.

Mañá, 15 de marzo, é o último día para adquirir as tarxetas da Gala. Están dispoñibles nos locais de Acisa e tamén no Parador de Ribadeo.