A programación cultural do Concello de Foz arrinca o día 1 cunha representación infantil a cargo de Ghazafelhos.

A programación cultural do Concello de Foz para o vindeiro mes de abril comeza mañá, sábado, día 1, cunha representación de teatro infantil a cargo da compañía Ghazafelhos, que porá en escena a obra titulada Rubicundo. Está dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos. Será ás 18:30 horas na Sala Bahía e o prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e de 2,5 euros para os adultos.

O seguinte acto incluído na programación cultural do Concello focense é un concerto a cargo da Aula Coral do IES de Foz, que actuará na basílica de San Martiño o xoves, día 6, ás 20:30 horas.

Desde o sábado 8 ata o domingo 16 desenvolveranse os actos da Semana Santa de San Martiño e da XIV Semana da Música Xosé Alonso, que organizan a Confraría do Desencravo e a Delegación de Cultura do Concello de Foz.

Na programación para abril tamén se inclúen outras dúas obras teatrais para o público infantil: a compañía Elefante Elegante representará a obra Lobo bobo o mércores 19 ás 18.30 horas na biblioteca pública, con entrada gratuíta; e Educateatro Producións porá en escena O mundo máxico de Pinocho o sábado 29 ás 18:30 horas na Sala Bahía.