A Rebolaxe organiza a festa de San Xoán, de San Ciprián (Cervo), o 23 de xuño

O Concello de Cervo anima á veciñanza e aos visitantes a participar na tradicional Festa de San Xoán de San Ciprián, organizada polo grupo A Rebolaxe, que terá lugar o martes 23 de xuño no aparcadoiro do estanco da Praia do Torno.

“A programación dará comezo ás 19:45 horas coa actuación de Cuarteto Illa Pancha. Ademais, durante a tarde celebrarase o sorteo dunha paleta de porco. A partir das 20:00 horas haberá hamburguesas á grella e bocadillos de touciño e chourizo á venda para todas as persoas asistentes. Xa pola noite, ás 21:30 horas, será o concerto de Mi Rollo es el Rock, e á medianoite (00:00 horas) prenderase a tradicional fogueira de San Xoán, un dos momentos máis agardados da celebración”, anuncia o Concello de Cervo.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou o evento acompañada do concelleiro Alfredo Fernández e de membros do grupo A Rebolaxe, organizador da festa coa colaboración do Concello.

A rexedora quixo salientar “a importancia de manter vivas estas celebracións populares e agradecer o compromiso e o traballo do colectivo organizador, que un ano máis fai posible esta cita tan especial para San Ciprián”. Ademais animou á veciñanza e aos visitantes a participar “nesta noite máxica, pensada para desfrutar en comunidade, con música, gastronomía e tradición”.