Redrum Teatro presenta "O mozo da última fila" en Viveiro o 14 de novembro. Será no Pastor Díaz.

O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle este sábado, 14 de novembro, a representación da obra O mozo da última fila, a cargo de Redrum Teatro. A función dará comezo ás 20:30 horas.

Trátase dunha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística. Conta a historia de Claudio, un estudante de Secundaria que senta na última fila, que non fala, non participa, non é problemático e non destaca salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que o profesor de Literatura manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector. Ese relato compartido polo discípulo e o mestre converterase nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura. O texto, de Juan Mayorga e gañador do Premio Max, foi escollido en 2018 dentro de plans de fomento á lectura en institutos de Secundaria.

Dirixida por Alex Sampayo, a obra está interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constela, Mónica García, Machi Salgado e Rubén Porto.