Ribadeo 4x4 é a iniciativa que poñen en marcha o Concello e Acisa en setembro. As persoas que logren o reto optarán a premios.

O Concello coa colaboración de Acisa pon en marcha unha nova iniciativa, denominada Ribadeo 4x4. Aquelas persoas que fagan catro actividades de turismo activo no municipio durante catro días consecutivos deste mes de setembro optarán a premios.

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “Ribadeo 4x4 é un evento organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración con Acisa no marco da iniciativa SetembroXNatural. Esta iniciativa procura persoas aventureiras con gañas de gozar dos atractivos da nosa contorna natural. Aos participantes propoñémoslles un gran reto: realizar 4 actividades da oferta de turismo activo de Ribadeo integrada nesta iniciativa en 4 días consecutivos -fin de semana incluído- no mes de setembro. Para isto os participantes contarán cunha tarxeta persoal que terán que ir selando na medida que realicen actividades. Os participantes que consigan realizar o gran reto, que consiste en obter 4 selos de actividades diferentes en 4 días consecutivos, conseguirán activar automaticamente a súa tarxeta converténdoa  nunha tarxeta moedeiro. Esta será individual e intransferible por valor de 20 euros para gastar en establecementos da hostalería ribadense asociados a Acisa. As recompensas deberán disfrutarse no propio mes de setembro. Os participantes deberán estar atentos xa que nesta edición do Ribadeo 4x4 dispoñemos dun límite de 50 tarxetas moedeiro”.

Pablo Vizoso engadiu que “aqueles participantes que consigan realizar este gran reto, pero non poidan activar a súa tarxeta moedeiro polos motivos que sexa entrarán a formar parte do sorteo dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa Ribadeo. Haberá tamén un gran premio para aqueles súper aventureiros que cheguen a realizar 6 actividades en 4 días, que constará tamén dunha estancia en Ribadeo con aloxamento, almorzo e unha comida para dúas persoas (tamén fora da época estival) valorada en 200 euros e en establecementos integrados en Acisa máis un set de produtos galegos”.

Por parte de Acisa o seu xerente, Jesús Pérez, subliñou que “o que perseguimos nesta colaboración co Concello de Ribadeo, da cal estamos moi satisfeitos, é a desestacionalización do turismo. Pretendemos ampliar a oferta turística a través do ocio de aventura e de natureza con esta actividade durante o mes de setembro. O que queremos tamén é darlles relevancia aos nosos asociados, que son os establecementos nos que se van poder desfrutar as tarxetas moedeiro e os premios que establecen as bases”.

Acisa anima “a veciños, visitantes da nosa contorna e turistas a participar nesta nova iniciativa que poñemos en marcha porque é unha forma diferente de desfrutar de Ribadeo e da súa hostalería, a través dos premios, e tamén de aproveitar o tempo, despois de facer estas actividades, para mercar no comercio local e gozar da nosa gastronomía e da nosa hostalaría”.

Jesús Pérez rematou agradecendo ao Concello de Ribadeo “que nos permitira colaborar nesta iniciativa, que cremos que vai ser moi positiva”.

Ribadeo 4x4 foi presentado polo concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, polo presidente de Acisa, Francisco Iriarte, polo xerente da asociación, Jesús Pérez, e pola técnica de Turismo, Begoña García.