Ribadeo analizará a cultura e as tradicións do Camiño de Santiago nas XVIII Xornadas Mar por Medio, que terán lugar do 1ao 3 de decembro

Ribadeo acollerá os días 1, 2 e 3 de decembro a décimo oitava edición das Xornadas Mar por Medio reunindo a un nutrido grupo de especialistas e estudosos do fenómeno xacobeo para analizalo desde diversas ópticas. “O Camiño: Cultura e tradición” é o título do programa de actividades preparado pola Academia Xacobea, que por segundo ano consecutivo asume a organización das Xornadas, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo. O presidente da Academia, Xesús Palmou, o alcalde ribadense, Daniel Vega, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deron a coñecer esta tarde os detalles do programa.

“Queremos converter Ribadeo nun espazo de congresos e por iso imos seguir apostando por estas Xornadas. Xa loitamos por elas desde a oposición e seguimos apostando por elas desde o goberno como algo clave na vida cultural e económica da nosa vila. Son unhas xornadas que marcaron a historia e van marcar o futuro de Ribadeo”, explicou o rexedor tras agradecer a colaboración da Xunta, a Academia Xacobea, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación de Lugo e destacar o papel clave que xogaron e xogan nas Xornadas Manuel Valín (presente no acto desta tarde, ao igual que a concelleira de Eudación e Cultura, Begoña Sanjurjo) e o profesor John Rutherford.

Xesús Palmou tamén tivo palabras de agradecemento para Rutherford e Valín, así como para Daniel Vega. O presidente da Academia sinalou que o agora alcalde e o que fora concelleiro nos inicios das Xornadas foron responsables en boa parte do éxito da edición do 2022, que permitiu recuperalas despois dun largo parón. Palmou debullou o programa desta edición destacando a diversidade dos temas a tratar e a talla dos relatores e augurando por elo un novo éxito.

Así o sinalou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, quen apuntou que se trata “dunhas xornadas únicas” e lembrou que hai un ano xa manifestara a súa vontade de seguir axudando a consolidalas. “E así foi. Estas xornadas chegaron para quedarse e aquí están. E desde aquí manifesto o compromiso da Xunta de que o ano próximo volveremos estar aquí”, explicou Valentín García.

O programa completo destas XVIII Xornadas Mar por Medio está dispoñible na páxina web da Academia Xacobea (http://academiaxacobea.gal/), onde foi habilitado tamén un formulario para que os interesados en participar nas actividades poidan formalizar a súa inscrición: http://academiaxacobea.gal/inscripcion-mar-por-medio/