Ribadeo celebrará o 8 de marzo con obradoiros nos centros de ensino, certame de fotografía, xornadas sobre corresponsabilidade e teatro

A Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e o Consello Municipal de Mulleres abordaron a programación do 8M e as novas accións contra a violencia machista. Haberá obradoiros nos centros de ensino, un certame de fotografía, unhas xornadas sobre corresponsabilidade e teatro.

Ribadeo acolleu unha nova xuntanza da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e do Consello Municipal de Mulleres, “dous espazos fundamentais de traballo conxunto entre administracións, forzas de seguridade, comunidade educativa e tecido asociativo”. Segundo explicou a concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, “estas reunións permiten facer seguimento das actuacións en materia de igualdade e prevención da violencia machista, así como reforzar a coordinación entre todos os axentes implicados. Durante as sesións de traballo analizáronse as actividades desenvolvidas polo Área de Igualdade no último trimestre e avanzouse na programación das accións previstas para os vindeiros meses, facendo especial fincapé na organización do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres”.

A edil ribadense contou que entre as iniciativas previstas destacan: “obradoiros educativo-sexuais nos centros de ensino, dentro do programa O Concello cos Coles; o II Certame de Fotografía Que é para ti a Igualdade?; unhas xornadas formativas centradas na corresponsabilidade, como eixo fundamental para avanzar cara a unha igualdade real; a representación teatral do Grupo de Teatro do Noroeste Manual de Patronaxe, que terá lugar o propio 8M tras a manifestación feminista”.

Begoña Sanjurjo destacou que “estas xuntanzas son moito máis ca reunións formais: son espazos de compromiso colectivo onde Ribadeo decide, de maneira coordinada, que a igualdade é unha prioridade e que contra a violencia machista non hai nin descanso nin silencio”.

Desde o Concello de Ribadeo sublíñase “a importancia de manter vivos estes espazos de diálogo e cooperación, que permiten avanzar cunha folla de ruta común na defensa dos dereitos das mulleres”.