Ribadeo presentará a súa nova marca turística este xoves, 25 de xaneiro, na Casa de Galicia en Madrid

Ribadeo, a contrapunto. A nova marca turística será presentada mañá, día 25, na Casa de Galicia en Madrid. Será a xornalista e escritora Sonsoles Ónega a encargada de amosarlle ao mundo a través de 28 frases asociadas a recursos a excepcionalidade de Ribadeo. 

O acto dará comezo ás 21:00 horas. E no mesmo intervirán tanto o alcalde, Dani Vega, como a concelleira de Turismo, Marta Saiz, que incidirán en que Ribadeo ten un carácter propio, marcado pola súa historia, pola súa tradición, pola súa cultura e pola súa xeografía: “todo iso permítenos bailar ao noso ritmo, a contrapunto”. 

Na Casa de Galicia está prevista a proxección dun vídeo no que os asistentes gozarán dun territorio con grande personalidade e dinamismo propios, onde o movemento e a tranquilidade están en perfecto equilibrio. 

O músico ribadense afincado en Madrid Guilllermo Cruzado será o encargado de poñer a nota musical á velada na que os asistentes poderán degustar os petiscos elaborados con produtos de proximidade por catro cociñeiros de Ribadeo dos restaurantes La Solana, Ramonita, El Oviedo e A Horta de San Roque. 

A delegación ribadense desprazada a Madrid, da que forman parte o Concello e Acisa, manterá desde este mércores e ata o venres diferentes xuntanzas de traballo en Fitur para dar a coñecer as excelencias deste destino turístico.