Ribadeo será escenario o 15 de decembro da 1ª Xornada de Tecnificación da Selección Galega de Hóckey Liña nas categorías alevín e infantil.

Ribadeo acollerá a 1ª Xornada de Tecnificación da Selección Galega de Hóckey Liña, que se vai celebrar este sábado, día 15. O Club de Hóckey Isla Pancha organiza este evento coa colaboración da Concellaría de Deportes. O evento foi presentado polo edil ribadense David Rivas e polos directivos do Club Miguel Ángel Otero e Soledad García. A cita reunirá en Ribadeo entre xogadores/as e familiares, a unhas 200 persoas.

O concelleiro de Deportes manifestou que “desde o Concello estamos encantados de acoller este tipo de xornadas e de poder apoiar a estes novos deportes que están emerxendo en Ribadeo nestes últimos anos. Se a semana pasada tíñamos aquí a concentración da selección galega de rugby sub-14 e sub-16, o mes pasado tamén estivo aquí de concentración o CRAT feminino da Coruña, pois este fin de semana é a quenda do hóckey liña. Debemos valorar moi positivamente que as federacións galegas dos distintos deportes se fixen nun pequeno concello de 10.000 habitantes, periférico totalmente de Galicia, que non está no centro, que estamos diametralmente opostos a cidades como Vigo desde a que se desprazan xogadores. Penso que iso é sintomático de que en Ribadeo temos un deporte de moito nivel, que os clubs están facendo un gran traballo coas bases e que nós como institución debemos apoialos todo o que sexa posible para axudalos a medrar e a seguir promocionando este e os demais deportes”. 

Rivas engadiu: “quero darlles a benvida a todos e a todas os integrantes da selección galega, agardamos que se sintan como na casa, que non sexa a última vez que veñan e que disfruten tanto eles como as súas familias do fin de semana e da vida ribadense”.
Pola súa banda, o directivo do club de hóckey Isla Pancha Miguel Ángel Otero explicou que “este ano vaise celebrar en Ribadeo a Primeira Xornada de Tecnificación da Selección Galega de Hóckey Liña, como un pequeno acto de promoción deste deporte, que empezamos a desenrolar nesta vila fai tres anos. Levamos dous anos competindo na liga galega, este vai ser o terceiro ano, e vai ser este o segundo no que imos mandar rapaces a tecnificación. Mandamos cinco o ano pasado, foi seleccionado Brais, que participou coa selección galega en infantil e en alevín. Este ano imos mandar máis rapaces, van seis, vai o porteiro Adrián e máis cinco rapaces de pista: Antón, Javi, Yeray, Brais e Iago”. 

Otero detallou que “esta xornada ten dúas vertentes, a formativa que é a tecnificación pura, e por outro lado trátase de que o corpo técnico da selección vaia botando un ollo aos rapaces, e ao longo da tempada con dúas xornadas máis, despois decidirán o grupo final que está composto por dous porteiros e dez xogadores en cada unha das categorías, que son alevín máis infantil, son mixtos ata a categoría de infantil que termina nos 16 anos.  Isto é unha das peculiaridades deste deporte”.

E engadiu que “o que máis me gusta é poder facelo aquí e dar a coñecer un pouquiño máis o deporte. Desgraciadamente, debido ao seu carácter formativo, vai ser a porta pechada, pero é un empuxonciño para o día de mañá poder asegurar aquí a competición. O Concello colabora con nós para intentar facer aquí unha pista, que ten a súa complexidade. Trátase de dar a coñecer este deporte e que estes rapaces disfruten del, teñen bastante talento todos, só podemos mandar a cinco e é unha pena porque senón irían máis”.

Miguel Ángel Otero explicou que “é unha xornada formativa e máis selectiva. Vai ser este sábado, día 15, e o horario será desde as nove da mañá ata as dúas, haberá unha pausa para comer ata as tres e media, e está pensado que remate entre sete e media ou oito. Ao final do día sempre se alonga un pouquiño porque hai unha parte técnica que se vai facer no pavillón e outra física que se vai facer no pavillón do colexio. Son 72 rapaces e movelos sempre acumula un pouco de retraso. Tamén temos que mandar información aos pais de onde poden durmir e comer. Ven xente de Vigo, A Guarda, Ourense, Lugo, A Coruña e Carballo, contamos que serán entre pais e rapaces unhas 200 persoas. Nós intentamos organizar a xornada o mellor que puidemos, esperemos que disfruten do día e do pobo, que é do que se trata”.