Roteiro, libros e un espectáculo para bebés son algunhas das propostas das que se poderá gozar en Ribadeo do 21 ao 28 de marzo.

A Delegación de Turismo e Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo organiza o mércores, 21 de marzo, ás 17:00 horas, un roteiro guiado orientado a profesionais do sector hostaleiro polo patrimonio civil e relixioso da vila co fin de afondar nos coñecementos sobre o patrimonio local.

O 22 de marzo ás 20:30 horas na Casa das Letras, a Asociación Cultural Francisco Lanza presenta Mar…Usia. Relatos Salpresados de Paco Rivas.

O 23 de marzo ás 10:00 horas no IES Dionisio Gamallo, dentro do ciclo IES Literarios con…, Eva Mejuto presentará a súa novela 22 segundos na que trata o tema da transexualidade na adolescencia.

E o 28 de marzo, ás 17:00 e ás 18:00 horas, dentro do programa Apego, terá lugar o espectáculo Percubebé para nenas e nenos que teñan entre 0 e 3 aniños. Cada sesión dura 40 minutos e é imprescindible inscribirse chamando aos teléfonos 982 131 565 ou 982 129 889. Cada bebé pode estar acompañado no escenario por unha ou dúas persoas adultas. O prezo da entrada para bebés e maiores é de 3 euros.