A Sala Bahía, de Foz, acolle o 30 de outubro a representación da obra "O mel non caduca", da compañía Ibuprofeno Teatro.

A compañía Ibuprofeno Teatro representará a obra O mel non caduca na Sala Bahía, de Foz, este venres, día 30, ás 21:00 horas dentro da programación do Ciclo de Teatro de Outono que organiza o Departamento de Cultura do Concello focense.

Esta obra de teatro contemporáneo, cunha duración de 70 minutos, será representada por Marián Bañobre e Avelino González.

Ibuprofeno Teatro explica que O mel non caduca “é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas”.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “o aforo máximo será de 60 persoas e respectaranse todas as medidas de seguridade e hixiene esixidas, como ata o de agora se está facendo en todas as actividades organizadas polo Concello de Foz, cunha programación segura”.

O prezo da entrada é de 5 euros.