Tarde de cine en Burela o 14 de decembro. Haberá un charla con Alfonso Zarauza e Carlos M.Carbonell e dúas proxeccións.

A Delegación de Cultura, Educación e Xuventude en colaboración coa Deputación de Lugo ten o pracer de convidar @s alumn@s, aos equipos docentes, asociacións de nais e pais de todos os centros educativos da Mariña Lucense, así como ao público en xeral a asistir á charla A produción cinematográfica, que terá lugar o vindeiro venres, 14 de decembro, ás 18:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela. Será impartida por Alfonso Zarauza, cineasta compostelán gañador de 2 premios Mestre Mateo ao mellor guión e mellor director polo seu filme Os fenómenos e Carlos M. Carbonell, produtor do filme Arima, gravado recentemente na  provincia de Lugo.

De seguido proxectarase a curtametraxe A rapa das bestas, de Jaione Camborda e a longametraxe Os fenómenos do propio Zarauza. Trátase dun drama social que, con pinceladas de humor, fala do esplendor e decadencia do ladrillo. Un filme que conta no reparto con Lola Dueñas, Ledicia Sola, Patricia Vázquez, Luís Tosar, Juan Carlos Vellido, Miguel De Lira, Antonio Durán "Morris", Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez, Marcos Javier Fernández Eimil, Farruco Castromán e Xulio Abonjo. 

Sinopse
Neneta é unha muller que vive nunha furgoneta desde fai tres anos na costa de Almería e ve como a súa parella Lobo desaparece xusto o día no que ía empezar a traballar. Ela ten que recoller o campamento e volverse co seu bebé na furgoneta ao seu pobo natal en Ferrol. Ao regresar todo son dificultades, non logra atopar traballo e ten que seguir vivindo na furgoneta ata que consegue un posto de peón na construción. Sofre a dureza do traballo e o feito de ser muller nun oficio de homes, pero consegue sobrepoñerse con coraxe e en compañía da súa cuadrilla empezan a ser coñecidos polo construtor como os fenómenos, pola súa capacidade para levantar metros cadrados construídos.
A entrada para asistir á charla e ás proxeccións é gratuíta.