Teatro Curuxán presenta en Ribadeo o 19 de decembro "Spinof", un espectáculo de humor e improvisación.

A Concellaría de Cultura de Ribadeo programa a actuación de Teatro Curuxán que presenta Spinof, un espectáculo de humor e improvisación. A representación terá lugar o vindeiro domingo, 19 de decembro, ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval.

A obra está baseada no método Harold de creacións de escena impro. A través de tres historias, conectadas co “efecto bolboreta”, o propio público escollerá aos protagonistas, as súas historias, o contexto e os seus obxectivos: un home de negocios que precisa axuda, unha anciá que só ten lembranzas e unha axente de viaxes que quere rematar a súa xornada para poder descansar. Que relación teñen entre si? E se non son eles e son outras personaxes totalmente distintas? E se nos atoparamos nun mundo fantástico pasando a outros de detectives e rematando cun musical? Neste caos argumental, ao final todo ten o seu sentido.

Esta función inclúese no circuíto de teatro afeccionado 2021 da Área de Cultura da Deputación de Lugo.