Teatro e música son as propostas culturais do Concello de Viveiro do 9 ao 11 de decembro.

Hoxe, venres, chega á cidade do Landro o Grupo de teatro Down Lugo coa obra 21/3. Enmárcase no ciclo “Táboas cheas de emocións” da Vicepresidencia Deputación Provincial de Lugo. 

Será ás sete da tarde no Teatro Pastor Díaz. A entrada é de balde ata completar aforo. 

Este grupo formouse en decembro de 2004 a partir dun obradoiro de achegamento ao teatro que de inicio contaba con 7 participantes. No 2007 o grupo ampliou o seu número de membros consolidándose como tal. Na actualidade está formado por 16 actrices e actores afeccionados, todos eles con capacidades diferentes, de idades comprendidas entre os 22 e os 55 anos.

21/3 trata sobre cada un dos membros deste grupo, sobre as súas inquedanzas: como nos ven?, como nos gustaría que nos visen?, somos aceptados?, porque temos que ser aceptados?, non somos como os demais? ou somos como Segismundo buscando o motivo do seu castigo?

Os textos creados no taller de teatro, son eses retazos que unha vez cosidos cobraron vida. Xógase coa numeroloxía: 21 escenas en tres actos, 21 de marzo e o triple cromosoma 21. As imaxes, as atmósferas e os corpos son primordiais na posta en escena. Unha obra para enternecer, rir e chorar. Como a vida mesma.

Mañá, 10 de decembro, N+1 & Cuarteto Alicerce chegan a Viveiro con Divertimento. Un espectáculo que combina teatro e música para o publico infantil a partir dos 3 anos. 

E o domingo, día 11, terá lugar tamén no Teatro Pastor Díaz, a presentación do disco “Origen”, de David Catá. Será ás oito da tarde. A entrada é de balde ata completar aforo.