Terras de Lourenzá organiza un fin de semana de sendeirismo do 27 ao 29 de outubro por terras de Somiedo. A inscrición está aberta.

A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá organiza os días 27, 28 e 29 de outubro un fin de semana de sendeirismo con dúas camiñatas polas terras asturianas de Somiedo.

A saída está prevista para o venres, día 27, ás 19:30 horas dende o Cantón de Vilanova. O sábado 28 realizarase a ruta Foces e Brañas de Saliencia dunha lonxitude de 15 quilómetros e dificultade media-alta. Para as persoas que o desexen existe a posibilidade de reducir esta camiñata e facer unha variante denominada Ruta Brañas de Saliencia de 7,5 quilómetros e dificultade media-baixa. A comida será durante o desenrolo da propia ruta e unha vez rematada o punto de destino será Valle de Lago onde será a cea, o aloxamento e a comida do domingo.

O domingo 29 a camiñata escollida é a Ruta Braña de Sobrepena cun percorrido duns 9 quilómetros e dificultade baixa.

O prezo da actividade é 110 euros para os socios/as e 130€ para os non socios/as, e inclúe os desprazamentos de ida e volta dende Lourenzá ata Somiedo, as pernoctas das noites do venres e o sábado, as ceas dos venres e sábado, almorzos do sábado e domingo e xantar do domingo. As inscricións rematan o luns, 23 de outubro, e poden facerse no número de teléfono 647 06 70 54 (Javier). O número de prazas é limitado.