A TIC da Deputación de Lugo dará proxección internacional a Foz e aos Concursos de Baristas que terán lugar do 21 ao 23 de febreiro.

A Fundación TIC da Deputación emitirá en directo o XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería de Foz, o VI Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería e o VI Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se celebran do 21 ao 23 de febreiro. Alumnos da Escola de Imaxe e Son serán os encargado do streaming, que poderá verse a través de Facebook e YouTube.O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, e o coordinador das competicións, Xosé Ríos, presentou este xoves a nova colaboración nun acto no que un alumno de hostalería do centro focense preparou unha degustación de cafés.

Santos Ramos dixo que “celebramos dez anos de frutífera colaboración, que vai máis aló do ámbito formativo, xa que grazas a esta emisión, a TIC dá proxección nacional e internacional tanto ao Concello de Foz como ás competicións. Debemos ter en conta que este ano participan 18 Escolas de Hostalería de Galicia, Cantabria, País Vasco, Castela e León e, por primeira vez, unha Escola de París. A isto hai que engadirlle o campionato de profesionais, con 12 participantes, que suscita gran interese no sector.

Unha colaboración que vai a máis
Segundo o responsable provincial “a colaboración vai a máis cada edición. Hai dez anos ía só algún alumno da EIS gravar unha xornada. Neste 2018 desprazaranse a Foz todos os estudantes de segundo de realización que, baixo a supervisión dun docente, serán os encargados da emisión por streaming das tres xornadas. Isto supón unha gran oportunidade para que o alumnado da nosa Escola poña en práctica os seus coñecementos e adapte a súa formación á demanda dun sector en continuo cambio”.

O streaming realizarase con cinco cámaras, e os alumnos rotarán por todos os postos: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización. Ademais, este ano, como novidade, os estudantes tamén editarán, in situ, cada unha das probas por separado para compartilas inmediatamente nas redes.

“Este é, por tanto, un exemplo do noso modelo educativo, baseado nas prácticas en escenarios reais. O streaming obrigará aos nosos alumnos a vivir o estres do directo e a enfrontarse aos problemas que sempre xorden nunha emisión destas características. Tamén deberán ser rápidos coa edición dos vídeos das probas. É dicir, terán que afrontar as mesmas situacións que atoparán cando accedan ao mercado laboral”, apuntou o Deputado de Relacións Institucionais.

Apoio á economía local
Santos Ramos dixo que “con esta colaboración cumprimos con outro obxectivo da TIC, a promoción da provincia. Neste caso concreto contribuímos a poñer a Foz no mapa internacional dos baristas e a dar a coñecer o Concello focense e toda  Mariña. Ademais, coa emisión en directo apoiamos ás empresas colaboradoras ou, o que é o mesmo, servimos de canle de promoción de empresas locais que dan traballo aos lucenses e xeran riqueza na provincia”.

O patrón afirmou que “nesta mesma liña vai o labor que está a realizar a TIC a través da Lugo FilmCommission. Neste caso, traballa para que Lugo sexa un lugar atractivo para que as produtoras, grandes e pequenas, elixan a nosa provincia como plató de rodaxe. Son iniciativas que forman parte dunha das principais liñas de actuación da Deputación: loitar contra o despoboamento e fixar poboación no rural”.

Tres xornadas de competición
O mércores, día 21, a xornada arranca ás 17.00 horas co XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e ás 17.30 co VI Campionato de Cata de Cafés; ás 20.30 haberá demostración de tiraxe de cervexa dun grandambassador de Mahou.

O xoves, de 9:30 a 14:00 h. será a segunda e última xornada do campionato de Baristas das Escolas participantes e a entrega de premios e e diplomas de participación. E, por último, o venres celébrase o campionato de profesionais a partir das 9:30. Ás 14:00 JuanjoBarquilla e Víctor Couto impartirán unha charla titulada “A infusión, a ovella negra da hostalería”, e ás 14:30  será a clausura coa entrega de trofeos. O xoves e o venres, de 9:30 a 13:30, na cafetería da Escola haberá degustación gratuíta de café para todos os que se acheguen ao centro.