Todo está listo en Foz para a celebración do XXXIX Entroido. O desfile, que terá lugar o 22 de febreiro, repartirá 7.000 euros en premios.

O programa do Entroido en Foz, que se iniciou coa cea de coroación da Raíña, continuará o xoves de comadres, o 20 de febreiro, ás 21:30 horas na Sala Bahía, coa cea baile amenizada por Disco Móbil Eventec e organizada por AFAMMER e Asociación de Amas de Casa de Foz.

O venres 21 terá lugar o pregón que correrá a cargo da peña Eche o que Hai. Será ás 20:00 horas na Sala Bahía. Despois celebrarase o concurso de coplas.

O sábado 22 ás 10:00 horas darase o fogonazo e durante todo o día haberá actuacións de charangas polas rúas da vila con Perkusiona Escolas de Percusión. Ás 17:00 horas dará comezo o XXXIX Desfile do Entroido con máis de 7.000 euros en premios. Ao remate haberá unha chocolatada no Campo da Cabana con Disco Móbil The Sound Project. Ás 23:30 horas na Sala Bahía celebrarase un gran baile coas orquestras Essencia e Charleston.

O domingo 23 será o Día Infantil e ás 17:00 horas na Sala Bahía terá lugar un baile infantil co Show das Pamisuky, actuación do Mago Benxamín, inchables e obradoiros infantís. Ás 20:30 horas no salón de actos do Colexio Martínez Otero celebrarase o Touporroutou, organizado pola asociación A Pomba do Arco.

O luns 24 ás 23:00 horas na Sala Bahía terá lugar o tradicional baile de Entroido coa actuación da orquestra Ciclomanía e Disco Móbil Eventec no gran baile do farolillo.

O martes 25 ás 17:00 horas na Sala Bahía haberá un gran baile infantil, amenizado por unha disco móbil infantil, con inchables e obradoiros, e organizado pola asociación de Amas de Casa Virxe do Carme de Foz.

O venres 28 terá lugar a Queima do Entroido. A comitiva fúnebre sairá ás 22:00 horas desde o Campo da Cabana. E ademais ata o 28 de febreiro no Cenima, poderá visitarse a Exposición do Entroido, que este ano está dedicada a Eche o que Hai.