Todo está listo en Mondoñedo para a celebración das San Lucas, do 17 ao 22 de outubro. A Deputación patrocina o evento con 20.000 euros.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Comisión das Feiras e Festas das San Lucas, Miguel Souto Cabana, asinaron no Pazo de San Marcos, o convenio de colaboración entre as dúas entidades para promocionar as Feiras das San Lucas de Mondoñedo. Celébranse dende o ano 1.156 e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das mais antigas de Europa. Comezan o día 17 e rematan o 22 de outubro. Esta colaboración supón un investimento de 20.000 euros por parte do organismo provincial, convertendo así á Deputación no principal patrocinador desta cita.

Campos Conde remarcou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta cita co obxectivo depromover, recuperar e revalorizar as tradicións locais como sinais de identidade e atractivo da provincia. Facémolo no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo de Lugo, que define estes obxectivos como unha das liñas de actuación para impulsar o turismo e xerar riqueza na nosa provincia”. 

O Presidente explicou que esta cita “é un referente en toda provincia, unha celebración na que se pode desfrutar e vivir dunha das feiras máis tradicionais e senlleiras de Galicia, organizadas polos veciños do Concello, que durante unha semana, encherán de visitantes a Mondoñedo e a súa contorna, dinamizando a economía e o turismo de toda a Mariña. Si as San Lucas seguen perdurando no tempo, ano tras ano, é grazas ao empreño xeneroso de xente anónima e desinteresada que non quere perder as súas tradicións”. Campos Conde destacou que durante estas xornadas os participantes poderán gozar dunha programación de primeiro nivel que conxuga a música tradicional galega, promove a cultura e a tradición cabalar e contribúe a dignificar a historia, “ao tempo que impulsamos unha cita que se celebra dende hai máis de 860 anos “. 

Gran tradición cabalar
As Feiras e Festas das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1.156, e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas de Europa. O cabalo é o protagonista indiscutible desta cita, que comeza o 17 de outubro a partir das 18:45 horas, coa baixada dos cabalos dos montes de Mondoñedo, que percorren as rúas céntricas da cidade, ata chegar á Praza da Catedral, para despois rematar nos Remedios, onde se celebra a feira. Este ano a organización ten previsto repartir preto de 8.000 euros nas máis de 50 categorías de premios que se reparten entre a gran Feira tradicional de gando que se celebra o 18 outubro no Campo dos Paxariños; e no Recinto da Granxa, que acolle o concurso de andadura galega. O sábado 21 de outubro, celebrarase a gran final da Copa Galicia de cabalos e eguas de Pura Raza Galega, onde tamén haberá espectáculo de doma e sinfonía ecuestre. Para clausurar, o 22 de outubro terá lugar o concurso de cabalos trotóns.

Programa de actividades
As festas comezarán o 17 de outubro ás 20:45 horas no Auditorio Pascual Veiga do Concello, onde terá lugar o pregón a cargo do xornalista lucense Miguen Anxo Murado, que previamente, xunto a outras autoridades, realizará unha homenaxe ao Mariscal Pardo de Cela no interior da Catedral. O cartel das feiras das San Lucas é obra do autor mindoniense Xosé Vizoso, que amosa unha recreación da portada do libro editado pola Deputación en homenaxe ao autor, nomeado Fillo Predilecto da cidade. O extenso programa inclúe os concertos de Brais Rodrigo e Medina Azahara, o festival local Voces da Paula, charangas, grupos de gaitas, así como exhibicións de deporte rural vasco, caravana de tractores clásicos, encontros folclóricos, contacontos, teatro ou maxia. Ademais, o 22 de outubro, haberá unha homenaxe a Pascual veiga, autor da Alborada no Cemiterio Vello, e á sección mindoniense das Irmandades da Fala no centenario da súa Fundación. Por último, o Colectivo Mondoñedo É... fará entrega do Premio Mondoñedo, na modalidade de poesía.

Miguel Souto agradeceu a implicación da Deputación nesta Feira e convidou a todos os visitantes a achegarse á cidade de Mondoñedo para coñecer unha feira que aínda conserva a esencia de antano, e que ao mesmo tempo sabe conxugar modernidade e tradición. Ademais destacou que “é unha boa oportunidade para descubrir os recursos patrimoniais, culturais e paisaxísticos de Mondoñedo”.