Trece locais de Foz ofrecerán menús normandos os días 28 e 29 de agosto. A iniciativa está organizada pola Acia local.

ACIAFozCCA rende homenaxe á Festa Normanda, que este ano non se poderá celebrar debido á pandemia do Covid, cos menús normandos que ofrecerán varios establecementos da vila este venres e tamén o sábado. 

Un total de trece locais hostaleiros participan nesta iniciativa gastronómica que se leva a cabo coincidindo co décimo aniversario da Festa Normada. Estes establecementos son: Xoyma, Dandy, Happy Days, Acuario, As Brasas, O Carro, Casa Damián, O Lar, Hotel Oca, Espacio Machete, Bar 78, Porto Chico e Tangarte Mariñeiro.

O presidente de ACIAFozCCA, José Carlos Paleo, subliñou que “con esta iniciativa pretendemos que a xente non se esqueza da festa e a celebre, na hostalería ou ben levando os manxares para as súas casas, con sentidiño e respectando as normas sanitarias que están en vigor neste momento”.

Paleo engadiu que “queremos manter vivo o espírito da Festa Normanda nun fin de semana no que celebraríamos a súa décima edición. Por mor do Covid a festa, como tal, non se poderá desenvolver, pero si a desfrutaremos a nivel gastronómico, o que nos dará a oportunidade de estar coa a familia e cos amigos de tertulia lembrando as anécdotas das edicións anteriores”.

Colaboran na organización do X Menú Normando o Concello de Foz e a Xunta de Galicia.