Últimas prazas para coñecer en Riotorto a adega que albergou o primeiro lagar de sidra natural do noroeste galego este sábado, 7 de novembro

O programa de actividades Plans con corazón continúa, unha fin de semana máis, ofrecendo actividades coas que dar a coñecer á poboación, tanto autóctona como visitante, a riqueza dos 16 concellos que compoñen este xeodestino. Nesta ocasión o plan da Mancomunidade de Concellos da Mariña terá lugar en Riotorto este sábado, 7 de novembro, baixo o título O mago Merlín e o seu amigo Don Pedro, unha actividade que levará aos participantes a coñecer a adega que albergou o primeiro lagar de sidra natural do noroeste galego, a Bodega Don Pedro Leivas. Unha ruta entre a literatura e a alquimia que estará guiada por Noela Feal.

Xunto con Riotorto, quedan pendentes dúas actividades dos Plans con corazón, que terán lugar o sábado 14 de novembro en Cervo (San Cibrao, o ciclo vital da madeira) e O Vicedo (Entre dunas e volcáns), no marco desta iniciativa. Aínda é posible reservar praza para desfrutar destes plans, a través do enlace: https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon

As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía de 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella) e 15€ (inscrición en grupo), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.