Un carteiro real visitará Ribadeo o 4 de xaneiro. Da man de Acisa estará na carpa do parque de San Francisco pola mañá e pola tarde.

ACISA Ribadeo organiza a visita do carteiro real que estará este sábado, 4 de xaneiro, na carpa instalada no parque San Francisco. Os nenos e nenas ribadenses poderán falar con el, facer fotos, e contarlle como agardan a chegada dos Reis Magos de Oriente entre as 12:00 e as 14:00 horas pola mañá e pola tarde de 17:00 a 20:00 horas.

Desde a directiva de ACISA animan “aos papás e ás mamás a que leven mañá ás súas fillas e fillos a ver ao carteiro real, xa que estará encantado de recibilos e de escoitalos a todos”.

Por outra banda, ACISA segue coa súa campaña de Nadal e os establecementos asociados aínda teñen a disposición dos seus clientes as rifas para a Festa do Comercio, que se celebrará o día 11 de xaneiro. En total estanse a distribuír 200.000 rifas.

O 11 de xaneiro terá lugar o sorteo e as persoas que teñan rifas poderán depositalas nunha urna instalada para elo á entrada da carpa situada no parque San Francisco, dende as 16:00 ata as 20:30 horas. Ademais terán que gardar a parte a conservar para participar no sorteo. Desde a directiva de ACISA explican que “a rifa na súa totalidade é para o cliente, e está composta de dúas partes, unha para el e outra é a que hai que depositar na urna o día do sorteo. Todas as rifas teñen que levar o selo do establecemento no que lles foron entregadas”. 

Os 4.000 euros en premios, que se van sortear, serán repartidos en tres presenciais e un non presencial. Os presenciais serán de 2.000 euros, 1.000 euros e 500 euros en vales de compra de ACISA Ribadeo. Ningún premio quedará deserto e de non aparecer o gañador procederase a sortear de novo, “polo que os participantes deberán estar fisicamente no lugar”. Ademais haberá un premio non presencial de 500 euros en vales de compra, que se dará a coñecer o mesmo día 11 de xaneiro e sortearase mediante un programa informático que escollerá de forma aleatoria un número dos 200.000 entregados nas rifas.

O gañador do sorteo non presencial terá ata o 17 de xaneiro para presentarse nas oficinas de ACISA e así cobrar o premio. De non facelo considerarase deserto. Os gañadores premiados coas rifas agraciadas no sorteo presencial cobrarán o premio o mesmo 11 de xaneiro.

Os vales de compra de ACISA Ribadeo deberán ser gastados no período de dous meses, dende o 11 de xaneiro ata o 11 de marzo. Os vales só poderán gastarse nos establecementos asociados e terán que ser gastados de forma íntegra.

Na campaña de Nadal de ACISA, que inclúe a IX Festa do Comercio, colaboran o Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia.