Un total de 28 persoas traballan nas praias ribadenses este verán: 21 no servizo de socorrismo e salvamento e 7 na limpeza.

O alcalde, Fernando Suárez, asegura que as praias ribadenses están máis preparadas que nunca para atender aos seus usuarios e usuarias este verán. Hai 18 socorristas, 3 técnicos sanitarios e 7 persoas para a limpeza. O Concello destina só ao servizo de socorrismo 130.000 euros. O rexedor destaca o esforzo inversor a realizar e critica a axuda de 24.000 euros que recibe Ribadeo da Xunta. Para Fernando Suárez trátase dun insulto á intelixencia e dunha vergoña. O alcalde ribadense fai unha chamada á responsabilidade da xente para facer fronte ao Covid-19.

Suárez Barcia sinalou que “en relación co dispositivo de salvamento e socorrismo de praias para este verán en Ribadeo, temos que dicir que é un verán atípico, difícil e complicado para todos, como todo o mundo pode saber por mor do coronavirus e por esta situación tan cambiante que estamos vivindo nestes últimos tempos. Desta volta tivemos máis persoal que nunca, estamos máis preparados que nunca, temos un total de 28 persoas: 17 socorristas, 1 xefe de socorrismo, 3 técnicos sanitarios e 7 persoas de limpeza. Con todos eles imos atender máis e mellor que nunca todas as praias do concello de Ribadeo, as que teñen bandeira azul e as que non a teñen. Hai algunhas que imos mellorar, como Esteiro e Os Bloques, nas que imos cubrir máis e mellor o seu sistema de salvamento e socorrismo”.

O alcalde subliñou que “isto ten un impacto económico nas arcas municipais tremendo, de máis de 130.000 euros, soamente no que ten que ver con salvamento e socorristas. Non estamos computando outras materias como turismo, protección contra os incendios forestais, etc… Temos que dicir que cando máis investimos temos a menor axuda da Xunta da historia, de toda esta cifra soamente temos uns pírricos 24.000 euros, equivalentes a 6 socorristas que nos deron de 18 que imos ter. Isto é un insulto á intelixencia e unha vergoña, e máis nestes tempos onde a protección para facer da nosa comarca da Mariña un lugar seguro e atractivo, para intentar recuperar esta normalidade que non temos, aínda que nos afanamos en intentar que así sexa no día a día, en realidade non a temos”.

O rexedor engadiu que “con estas actuacións por parte do Concello de Ribadeo contamos dar a seguridade necesaria para dar a tranquilidade e a protección, pero isto non quita que se a xente logo non é responsable, si se mete no mar cando non están os socorristas, se anda pola praia sen tomar as medidas de seguridade contra o coronavirus, pouco podemos facer. Isto, aparte dos recursos que desde o Concello podemos poñer enriba da mesa, necesita para que todo funcione ben do bo facer da cidadanía e niso confiamos. Eu sigo vendo actitudes maioritariamente activas e positivas de cara á protección contra o coronavirus, pero hai algunhas actitudes que nos seguen preocupando dalgunha xente que non toma as medidas pertinentes. Confiemos en que isto vaia cambiando de maneira inmediata agora para planificar o mellor verán posible”.