As V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro celébranse do 15 ao 19 de novembro.

O Concello de Viveiro presentou as ‘V Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro’, que se celebrarán do 15 ao 19 de novembro e que este ano, de novo pola pandemia da Covid-19, serán outra vez totalmente online a través da plataforma Zoom.

Na presentación estiveron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García; Jesús Fernández Fernández, 1º tenente de Alcalde e concelleiro do Mar, e Antón López, delegado para a zona noroeste de España da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS).

“Igual que en anos anteriores, as xornadas abarcan varios proxectos de ámbito nacional e incluirán ademais ponencias centradas en Galicia, sobre o mar nos programas decorativos da Galicia romana e o pecio Viveiro I”, explica Jesús Fernández.

Dende o Concello quérese agradecer o traballo e a colaboración do FEDAS, a través de Antón López, que foi e sigue sendo alma mater destas xornadas, tanto na coordinación como na organización, co apoio do Concello de Viveiro, a través da Concellaría do Mar. O Concello agradece tamén o apoio da Deputación de Lugo e da UNED.

“Trátase dunhas xornadas totalmente consolidadas no panorama español”, asegurou a alcaldesa, María Loureiro, que agradeceu á organización “a suspensión das sesións do día 17, no que está convocada unha folga xeral na Mariña en defensa dos postos de traballo na comarca que o Concello secundará”.

Uns días antes do inicio das xornadas remitirase ao correo electrónico das persoas que se inscriban o enlace de Zoom para acceder ás sesións.