Á venda as entradas para os concertos do Festival Bal y Gay, que se celebrarán do 14 ao 16 de maio en Foz, Lourenzá e Mondoñedo.

Xa están á venda as entradas para o ciclo Schubert no Camiño, incluído nas actividades da oitava edición do Festival Bal y Gay. Será do 14 ao 16 de maio en Foz, Lourenzá e Mondoñedo e contará coas actuacións de 
Judith Jáuregui, Cosmos Quartet xunto a Fernando Arias e Christoph Prégardien xunto a Daniel Heide.

Todos os concertos serán presentados pola locutora de Radio Clásica
Clara Sánchez.

O venres 14 de maio ás 19:30 horas na Basílica de San Martiño (Foz) actuará Judith Jáuregui, que é unha das pianistas máis cautivadoras do momento e que foi recibida con entusiasmo en salas de referencia como o Auditorio Nacional de Madrid ou o Palau de la Música Catalana.

O sábado 15 ás 18:00 horas na Igrexa de San Salvador (Lourenzá) ofrecerá un concerto Cosmos Quartet, formado por Helena Satué e Bernat Prat (violines), Lara Fernández, (viola) e Oriol Prat (violonchelo). Conseguiu un amplo recoñecemento obtendo os primeiros premios en concursos como o Irene Steels Wilsing Foundation Competition. Úneselles Fernando Arias ao violonchelo, profesor adxunto da Cátedra de Violonchelo Aline Foriel-Destezet na Escuela Superior de Música Reina Sofía.

O domingo 16 ás 18:00 horas na Catedral de Mondoñedo actuará Christoph Prégardien, que é un dos tenores líricos máis destacados do mundo. Actuou xunto ás orquestras máis importantes, como a Berlin e Vienna Philharmonics, Amsterdam Concertgebouw, London’s Philharmonia Orchestra ou a Orquesta Nacional de España.
Estará acompañado por Daniel Heide, un dos pianistas e músicos de cámara máis solicitados da súa xeración, que mantén unha estreita colaboración con cantantes como Andrè Schuen, Simone Kermes ou a mezzosoprano xermano-grega Stella Doufexis.