
Vilanova de Lourenzá prepárase para vivir as súas festas patronais do Conde Santo, que se celebrarán do xoves 27 ao luns 31 de agosto. As actividades comezarán este xoves, 27 de agosto, con actuacións do Mago Antón ás 13:30, 18:30 e 20:00 horas na praza César Chavarría. E ás 21:00 horas no claustro terá lugar o pregón das festas a cargo de Pepe de Garrafín.
O venres 28 haberá o Día da Bicicleta con saída ás 17:00 horas desde a praza do Conde Santo cara á Cazolga. Ás 20:00 no Cantón terá lugar o espectáculo Solpores de circo, unha gala para público familiar con pallaso, maxia, malabares, acrobacias aéreas e outros números circenses, con entrada de balde ata completar aforo. E ás 21:30 horas comezará no Mosteiro de San Salvador a cea Lenda do Conde, coa música de Pantera Rosa e Grande Osso.
O sábado 29 ás 11:30 horas sairán os Cocos, ás 13:00 celebrarase misa solemne e ás 14:00 horas comezará a sesión vermú co grupo D-Kriss. Para as 18:00 está programado un percorrido dos Cocos e Cabezudos. E ás 18:30 horas no claustro terá lugar a mostra folclórica da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez. E desde as 23:00 haberá verbena cos grupos Claxxon e D-Kriss.
Para o domingo 30 ás 11:30 horas está prevista a saída dos Cocos; ás 13:00, misa solemne; ás 14:00 horas, sesión vermú co grupo Mar de Arousa; ás 18:30, saída dos Cocos e Cabezudos; ás 20:30 horas, pasacalles a cargo de Charanga de Carmiña; e a partir das 23:00 horas, verbena con Cinema e Mar de Arousa.
E o luns 31 ás 12:00 horas sairán os Cocos e ás 14:00 haberá sesión vermú co dúo Epo-K.
O Concello de Lourenzá convida “a toda a veciñanza e tamén ás persoas que se acheguen estes días ao municipio a participar activamente nas celebracións e a desfrutar dunha programación pensada para compartir, manter vivas as tradicións e gozar das festas en compañía”. E aproveita para desexar a todos os veciños, veciñas e visitantes “unhas moi agradables festas patronais, cheas de alegría, convivencia e bos momentos”. Así mesmo quere expresar o seu agradecemento “á comisión e a todas as persoas que traballan na organización das festas, así como ás institucións, entidades e colectivos que colaboran para facer posible a súa celebración e moi especialmente a colaboración de toda veciñanza”.


