Viveiro acolle do 4 ao 9 de novembro a exposición fotográfica "A Mariña Somerxida". Pódese visitar na Casa do Concello.

A exposición fotográfica “A Mariña Somerxida”promovida polo GALP A Mariña-Ortegal, segue o seu itinerario. Estará exposta dende o día 4 ao 9 de novembro na Casa do Concello de Viveiro (Praza Maior, s/n, Viveiro), onde se poderá visitar en horario de luns a venres de 10:00-14:00h e 18:00-20:00h.

A mostra consta de instantáneas orixinais dos fondos mariños da costa de Lugo. A exposición fotográfica única na Mariña Lucense, promovida polo GALP A Mariña- Ortegal, dos fotógrafos Hugo Fernández e Carlos Gil, é unha mostra dun patrimonio natural descoñecido pola maioría e pon en valor a biodiversidade somerxida.

As augas da Mariña Lucense ábrense nesta exposición para sorprender ao público. Mostramos o mar como recurso, como forma de vida, como parte da nosa cultura mariñeira. Pretende ser ademais un referente para a divulgación, concienciación e conservación da riqueza das nosas augas. A exposición A Mariña Somerxida convértese nun referente para a concienciación e divulgación mariña.