Viveiro celebra o Día das Letras Galegas con diferentes actividades do 17 ao 27 de maio para nen@s e para adultos.

O Concello de Viveiro organiza unha serie de actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. O mesmo mércores 17, ás 12:00 horas, ofrece unha actuación a Coral Alborada de Viveiro e o Grupo de Gaitas Brisas do Landro na praza da Fontenova. Ademais nos stands de libros das librerías Porta da Vila e Neira Brochs haberá recital de obras de Carlos Casares, escritor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

As actividades continúan o sábado 20 de maio, ás 12:00 horas, cun encontro interxeneracional de Contacontos na Biblioteca Pública de Viveiro onde residentes de Geriatros presentan A disparatada e alaranxada historia dun limpeiro en Viveiro, unha adaptación de Carlos Casares para público infantil. A entrada é gratuíta (previa recollida de entradas).

O domingo 21 de maio, ás 12:30 horas, ofrecerá un concerto Tempus Fugit na sala multiusos do Concello de Viveiro. E o día 27 de maio, ás 18:00 horas, haberá Contacontos na biblioteca pública de Viveiro con A galiña azul por Cris de Caldas. A entrada é gratuíta (previa recollida de entradas).