A X Media Maratón Ribadeo-As Catedrais terá lugar o 14 de setembro. O evento deportivo xa foi presentado

A X Media Maratón Ribadeo-As Catedrais terá lugar o 14 de setembro. A inscrición para participar ábrese mañá. 

O concelleiro de Deportes, Francisco José SIlvent, dixo: “presentamos hoxe a décima media maratón Ribadeo-As Catedrais, que se celebrará o 14 de setembro. Mañá, 8 de marzo, ás 20  horas abriranse as inscricións”. 

O edil ribadense manifestou que “desde a organización agardamos que sexan moitas as corredoras e os corredores que se animen a participar nesta nova edición da media maratón. O ano pasado foron máis de 700 os deportistas que a correron e agardamos poder superar esa cifra neste 2024. Moitos veñen acompañados das súas familias ou de amigos e pasan a fin de semana na nosa vila, co que iso supón para os hoteis, para os restaurantes ou mesmo para o comercio”. 

Silvent tivo palabras de agradecemento para os colaboradores: “tamén queremos agradecer a todos os colaboradores a súa implicación coa media maratón Ribadeo-As Catedrais”.

A delegada do Progreso na Mariña, Lupe Fernández Bouza, dixo que “no grupo El Progreso estamos encantados de colaborar un ano máis con esta media maratón, que reúne a centos de corredores chegados en equipo ou acompañados polas súas familias para disfrutar da carreira e dunha fin de semana en Ribadeo”. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou que “toda actividade deste calibre ten repercusións na economía local e iso é sempre moi importante. Neste caso será no mes de setembro, algo que contribuirá a prolongar a tempada de verán durante esa fin de semana. Participantes e acompañantes aproveitarán para gozar da nosa vila, da súa contorna, da súa gastronomía e do seu comercio. Agardamos que disfruten moito”.
 
Na presentación que tivo lugar esta mañá no parque de San Francisco participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, o xefe territorial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, a delegada do diario El Progreso, Lupe Fernández Bouza, e a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.