Xa están á venda as entradas para o concerto que Ugía Pedreira ofrecerá en Ribadeo o 12 de marzo.

A Concellaría de Cultura de Ribadeo anuncia que xa están á venda as entradas para o concerto que Ugia Pedreira ofrecerá  o día 12 de marzo ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval. O prezo da entrada é de 10 euros e pódese reservar en enterticket.es. 

Ademais, este sábado, 5 de febreiro, celebrarase o obradoiro do programa Apego Os Minimundos dirixido a crianzas de 3 a 6 anos. Terá lugar no espazo Apego, na rúa Viejo Pancho, en horario de 12:00 a 13:30 horas. Trátase dunha proposta de xogo baseado na recreación de escenarios da vida cotiá ou hábitats reais ou imaxinarios a pequena escala. As prazas son limitadas e é necesario inscribirse en cultura@ribadeo.org

Este domingo, 6 de febreiro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval, Sarabela Teatro porá en escena A lingua das bolboretas. Conxuga a historia das obras A lingua das bolboretas e A traxectoria do balón de Manuel Rivas nas que narra a entrañable relación que manteñen o mestre don Gregorio e o neno Pardal a través da que se vai descubrindo a historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e o sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O prezo da entrada é de 5 euros e 3€ para desempregados, estudantes e xubilados. Ademais, o luns 7 de febreiro, haberá unha función para os centros de ensino, a través do programa do Concello cos colexios, á que acudirá alumnado do CIFP Porta da Auga, Colexio Sagrado Corazón e IES de Ribadeo.