
O Concello de Burela anuncia que este sábado, día 25 de abril, ás 18.00 horas o Auditorio Municipal acollerá o espectáculo familiar A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, da compañía A Xanela de Maxín, dirixido a público infantil e familiar a partir de 2 anos.
A obra “presenta a historia dunha toupiña que, tras sufrir un incidente ao saír do seu tobo, inicia unha investigación pola granxa para descubrir que animal foi o responsable. Ao longo do percorrido atoparase con diferentes personaxes nunha sucesión de situacións con humor e sorpresa”.
As entradas para este espectáculo están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.
Dende o Concello de Burela sinalan que esta programación “contribúe a ampliar a oferta cultural do municipio e a favorecer o acceso á cultura para diferentes públicos”.


