A Xunta organiza dous cursos no Vicedo, en marzo e abril, para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil

A Xunta de Galicia organiza no Vicedo, neste mes de marzo e en abril, dous cursos para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

“A primeira actividade comezou xa no Vicedo, que acolle dende o sábado 21 de marzo un curso básico de Protección Civil que se impartirá en dúas fins de semana (comezou a pasada e completarase os próximos sábado 28 e domingo 29). Este tipo de cursos ofrecen ao persoal de novo ingreso a formación básica necesaria para o exercicio das funcións de Protección Civil”, indica a Xunta, que tamén anuncia que se ofrecerá un curso presencial de prevención e loita contra os incendios urbanos e forestais nos municipio do Vicedo do 10 ao 19 de abril.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explica que este cursos forman parte da programación da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para o primeiro semestre do ano.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ofrece cursos “con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade da cidadanía galega”.