O 30 de marzo será inaugurado en Lourenzá o roteiro literario Francisco Fernández del Riego. Concello e Consellería de Cultura asinaron o convenio para o seu inicio.

O 30 de marzo será inaugurado en Lourenzá o roteiro literario Francisco Fernández del Riego. Concello e Consellería de Cultura asinaron o convenio para o seu inicio.
 
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinou o convenio para o Roteiro Literario Francisco Fernández del Riego, que será inaugurado o vindeiro luns, día 30. Na xuntanza tamén falaron da necesidade de rehabilitar o mosteiro de San Salvador e de melloras para o colexio Juan Rey.
“Mantiven unha reunión co conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, onde o eixo principal foi asinar o convenio de colaboración para a realización do Roteiro Literario Francisco Fernández del Riego, algo que finalmente se concretou agora coa firma deste convenio. Os traballos para materializar xa esta ruta están moi avanzados e inaugurarase como tal o vindeiro luns ás cinco da tarde por parte do secretario xeral de Cultura”, explicou a rexedora municipal.
Emma Álvarez engadiu que “non soamente falamos dese tema, senón que eu tamén lle trasladei a forte preocupación que teño polo mosteiro de San Salvador, este ben de interese cultural (BIC) que é unha xoia que temos no noso concello e que xa en outubro de 2012 vimos como caeu unha parte do teito e este inverno caeu outra parte do mesmo. Polo tanto eu, e creo que podo dicir que todos os veciños de Lourenzá, temos medo polo futuro deste inmoble. En días pasados tamén falaba deste asunto con responsables do Ministerio de Fomento sobre a preocupación e a necesidade imperiosa de facer algo neste inmoble. E esta xuntanza co conselleiro de Cultura foi unha primeira toma de contacto coa Xunta de Galicia para buscar unha solución así como para falar de distintos destinos que se lle poidan dar a este inmoble. Este é un ben da Igrexa e para calquera actuación que se vaia facer sobre el debemos contar co seu visto bo. Esta foi a primeira reunión e quedamos emprazados a unha segunda, con máis axentes, para poder dar unha solución tan preocupante para os veciños de Lourenzá. Nesta reunión tamén estiveron Jesús Oitavén, que é o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, e Mari Carmen Martínez Insua, que é a directora xeral de Patrimonio. Loxicamente a solución para o mosteiro de San Salvador é un tema complexo para o cal foi necesaria e moi construtiva a súa opinión”.