O 7 de novembro arrinca en Ribadeo a segunda fase da Factoría Dixital, que organizan as Concellarías de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías.

O 7 de novembro arrinca en Ribadeo a segunda fase da Factoría Dixital, que organizan as Concellarías de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías.
 
O vindeiro luns, 7 de novembro, dará comezo a segunda fase da Factoría Dixital, que se iniciou a pasada primavera con moi boa acollida. Estes talleres están organizados polas Concellarías de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías. 
 
O edil David Rivas explica que “este luns, 7 de novembro, bota a andar na aula Cemit de Ribadeo a segunda fase da Factoría Dixital, unha continuación dos microtalleres que tiveron lugar na primavera deste ano e que gozaron de moi boa acollida por parte da veciñanza. Estenderanse ao longo de todo este mes de novembro e tamén en decembro”.
 
O concelleiro de Novas Tecnoloxías conta que “terán unha duración de 4 horas e haberá talleres para todo tipo de público: desde determinados sectores profesionais, para empresas, terceira idade, persoas desempregadas, xuventude e outros para todo tipo de público en xeral. As temáticas tamén son moi variadas, xa que podemos atopar redes sociais, venda on line, crowfunding ou mesmo deseño gráfico aplicado á web, entre outras”.
 
Aprender a levar a cabo unha entrevista de traballo, será o microtaller que terá lugar o 7 de novembro. O día 8 será tempo para o Crowfunding e sinerxias sociais. O día 9 as redes sociais serán as protagonistas. O 10 de novembro falarase de Innovación disruptiva para empresa e o día 11 O meu fillo está nas redes sociais. Os microtalleres da Factoría Dixital seguirán os días 23 e 24 de novembro e haberá outros catro en decembro. 
 
As persoas que estean interesadas e queiran informarse ou inscribirse nestes talleres poden facelo na Oficina Municipal de Información á Xuventude ou chamando ao teléfono 982.129.889.