O Concello de Mondoñedo presentará ao público o proxecto definitivo da Casa Museo de Cunqueiro. Será este sábado, 21 de maio.

O Concello de Mondoñedo presentará ao público o proxecto definitivo da Casa Museo de Cunqueiro. Será este sábado, 21 de maio.
 
O Concello de Mondoñedo presentará este sábado ao público o proxecto definitivo da Casa Museo de Cunqueiro, cuxa redacción foi adxudicada á arquitecta Gloria Trigo e a través do que o Goberno local pretende poñer en valor a edificación e dispoñer dun centro en lembranza ao ilustre escritor.
 
O acto de presentación do proxecto será na Casa da Xuventude da localidade, ás 12:00 horas. A alcaldesa, a popular Elena Candia, invita aos veciños a que coñezan de primeira man os detalles deste proxecto, que se amosarán a través dos soportes técnicos necesarios como son galerías de imaxes con planos e recreacións finais da obra.
 
Na presentación intervirán o estudoso da obra de Cunqueiro, Santiago Losada, o arqueólogo municipal, Abel Vigo, a restauradora Vaina López Arias, así como a arquitecta, Gloria Trigo, encargada de deseñar o proxecto co que se creará un “centro dinamizador e un proxecto cultural ambicioso”, explica Candia. 
 
O proxecto
Tal e como era a pretensión do Goberno local, a través deste proxecto pódese contemplar cómo era, onde vivía e cómo traballaba o escritor, ao tempo que se fai unha aproximación a súa obra literaria. Así, a obra inclúe a dotación dun café tertulia pensando para os veciños e veciñas de Mondoñedo e dunha gastroteca, que afondará na gastronomía literaria do autor. Ao ser unha casa museo, reconstruíranse os espazos cos materiais, as luces e os obxectos que había cando estivo habitada por Cunqueiro para que o visitante se sinta no ambiente no que el vivía. 
 
Planta baixa. Será desde onde se accede ao edificio. Na recepción situarase a escaleira de acceso ás plantas superiores, coincidindo co tramo de escaleira existente no baixo cuberta e ocupando un espazo que xa tivo no pasado.
 
Café tertulia. Situarase na parte posterior da planta baixa. Os aseos e almacén estarán noutras plantas, obrigados polo escaso espazo. Preténdese crear un espazo íntimo que convide á conversa relaxada. 
 
Planta primeira. Salas expositivas. O espazo expositivo habilitarase na parte frontal da edificación. Terá vistas á Catedral e amosará a obra de Cunqueiro desde a perspectiva da súa inspiración. 
Servizos. Na parte posterior desta planta, sobre o café tertulia, habilitaranse os espazos de servizos que darán funcionalidade ao café tertulia e á gastroteca, situada na planta superior. Habilitaranse os aseos, accesibles como esixe a normativa, un almacén e un espazo destinado a cociña.
 
Planta segunda. Espazo de estudo e exposición. Estará reservada para albergar novas mostras da obra de Cunqueiro, os seus manuscritos, as súas obras editadas, fotografías da súa vida, vídeos e entrevistas, entre outro material. Concíbese como un espazo de coñecemento e investigación no que poder afondar na súa historia e na súa obra.
 
Gastroteca. O espazo de degustación estará nesta planta na parte posterior da edificación e con acceso ao patio. A carta ofrecerá receitas dos pratos e das citas literarias que as inspiran.
 
Planta baixocuberta. Os espazos de Cunqueiro. É a planta na que se musealizará a súa vida. Vanse recuperar os cuartos nos que vivía, onde durmía e onde traballaba.