O espectáculo infantil Contos de medo que deixan durmir, chega este sábado a Burela da man da compañía teatral A Trastenda dos Contos.

 

O Concello de Burela continua coa súa programación cultural para este outono 2014 e presenta este sábado, 15 de novembro, a obra Contos de medo que deixan durmir, á cargo da compañía A Trastenda dos Contos con Caxoto Contacontos. O espectáculo, dirixido ao público infantil e familiar, dará comezo ás 17:30 horas horas na Casa da Cultura de Burela. 

 

 

O espectáculo Contos de medo que deixan durmir é unha historia que aborda coma tema principal o medo na infancia. Para logralo, sérvese de historias que contan os propios nenos para aprender a rirse do medo e lograr converter este sentimento nunha porta aberta a un mundo de fantasía e aventuras. O encargado de poñerlle voz a esas historias é Felipe Díaz, máis coñecido polo nome de Caxoto. Caxoto é un contador de historias a cabalo entre un avó despistado e un neno abraiado. El será o encargado de encher o escenario de imaxinación, recursos sonoros, imaxes, música e moito movemento, para lograr que os máis pequenos participen na obra que presentará en Burela.

Caxoto forma parte da compañía teatral A Trastenda dos Contos, un espazo onde conflúen distintos profesionais dedicados ás artes escénicas dirixidas ao público infantil. Entre eles están educadores, psicólogos, intérpretes de signos, ilustradores, actores e principalmente, creadores de contos. Todos eles conxugan teatro, imaxinación e contidos educativos para presentar unha proposta lúdica que chegue tanto a nenos, coma a maiores.

A actividade está organizada pola Concellería de Cultura de Burela e a entrada será libre ata completar aforo.