O III Mercadiño Indiano celebrarase o 9 de xullo na rúa San Roque, de Ribadeo. A inscrición para poder participar está aberta ata o 20 de xuño.

O III Mercadiño Indiano celebrarase o 9 de xullo na rúa San Roque, de Ribadeo. A inscrición para poder participar está aberta ata o 20 de xuño.
 
Seguen os preparativos da III Festa Indiana, que se celebrará en Ribadeo do 8 ao10 de xullo, organizada polo Concello e por Acisa. O III Mercadiño Indiano terá lugar o 9 de xullo na rúa San Roque entre as 11 da mañá e ata a finalización do Festival de Habaneras, prevista aproximadamente para as dez da noite, segundo informa a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio. Trátase dunha mostra con produtos e mercancías de ultramar e da época así coma de oficios, que comprenden desde finais do século XIX e principios do XX. 
 
As bases para poder participar no Mercadiño Indiano atópanse colgadas na web do Concello www.ribadeo.gal Nas mesmas recóllese que poderán participar preferentemente as persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan unha actividade económica en Ribadeo relacionada cos produtos da horta, especialmente os chegados das Américas: pataca, pemento, tomate, millo, café cacao, salazóns, ron, herbas, especies… E tamén doces e pasteis típicos da época, xoguetes, froitas tropicais, roupa, complementos, tocados, libros, revistas e outros artigos de papelería relacionados coa temática, antigüidades e decoración, flores e plantas tropicais, xeados e oficios da época como barquilleiros, zapateiros, zoqueiros, etc. 
 
As actividades que non teñan a súa actividade económica en Ribadeo poderán presentar a súa solicitude, tendo preferencia os de Ribadeo na concorrencia a un posto. A organización resérvase o dereito de convidar á participación a persoas ou entidades de fora de Ribadeo, por razón do seu produto coma un elemento significativo da época e sempre e cando non estea dispoñible na localidade. 
 
As persoas interesadas en participar no III Mercadiño Indiano deberán presentar no rexistro xeral do Concello a súa solicitude xunto co modelo de inscrición debidamente cumprimentado e a documentación requirida antes do 20 de xuño. A inscrición e participación é gratuíta. Para máis información poden poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo no teléfono 982 128 650 ou no correo electrónico adl@ribadeo.org