Piti Alonso será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo. A súa intervención terá lugar na gala "Que non cha conten" o 14 de febreiro.

Piti Alonso será o pregoeiro do Entroido de Ribadeo. A súa intervención terá lugar na gala "Que non cha conten" o 14 de febreiro.
 
Este ano, por primeira vez, Ribadeo disfrutará dunha Gala do Entroido. Será o día 14 de febreiro ás nove da noite no Cine Teatro. O xornalista, empresario da comunicación e das relacións públicas Piti Alonso será o pregoeiro do Entroido 2015 en Ribadeo, segundo deu a coñecer esta mañá a comisión organizadora deste festexo. A comisión quere que “o Entroido 2015 en Ribadeo sexa moi participativo, novidoso e fresco”.
O programa de actividades dará comezo esta fin de semana coa festa do freixó nas inmediacións do Cine Teatro: o sábado a partir das 12 da mañá e ata as oito da tarde e o domingo de 11 da mañá a tres da tarde.
O presidente da comisión, David Martínez, explicou que “unha das novidades deste ano será a celebración da gala do Entroido, que terá lugar o 14 de febreiro ás 21 horas no Cine Teatro. Unha hora antes unha carroza sairá do parque de San Francisco, acompañada polos Vinagres e por unha comparsa para anunciar o inicio desta festa. Á súa chegada ao Cine Teatro será recibida polas charangas de Ribadeo: A Choca e Aturuxo. A gala do Entroido dará comezo co pregón que pronunciará o xornalista, empresario da comunicación e das relacións públicas Piti Alonso, persoa moi vinculada a Ribadeo. E despois seguirá o evento con diversos sketchs de humor. Vai ser unha gala moi divertida”. O slogan do evento é Que non cha conten. Martínez pídelle á xente que acuda cedo a gozar desta gala “porque imos abrir as portas do teatro ás 20 horas. A capacidade é limitada e a entrada é gratuíta. Despois o que imos facer tamén é vender rifas para poder axudar a sufragar os gastos do Entroido”. 
Begoña García, membro da comisión organizadora, indicou que “nas redes sociais do 12 ao 18 de febreiro desenvolverase un concurso para elixir aos mellores disfraces, que percorran as rúas e establecementos de Ribadeo. Todos os interesados en participar deberán subir a súa foto á APP que se creará no facebook oficial do Entroido de Ribadeo. O concurso contará con diferentes categorías: mellores disfraz individual, en parella, de grupo e mellor local/profesional e camareir@ caracterizad@. Ademais desde primeira do luns 16 lanzaremos unha nova APP para na participar na categoría Os máis larpeiros. Esta soamente estará vixente ata o 18. Para poder participar será necesario enviar unha foto para que o participante en compañía, ou sen ela, apareza comendo un cocido e celebrando o #EntroidoRibadeo nun dos establecementos hostaleiros adheridos”. 
No programa de actividades do Entroido 2015 non faltará a comparsa do porco, que percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada pola charanga A Choca o domingo, 15 de febreiro, pola mañá e xa pola tarde a partir das cinco desenvolverase o tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosalar. 
O martes 17 será o día do grande desfile, que sairá ás 17 horas da avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo: San Roque, Virxe do Camiño, avenida de Galicia, Pérez Martínez, avenida de Asturias, Clemente Pasarón, Dionisio Gamallo e rematará diante do Concello. 
E xa o 21 terá lugar a queima do Entroido, que segundo explican desde a comisión organizadora, “trátase dun dos actos máis importantes do Entroido de Ribadeo, é o que nos diferenza dos outros carnavais e xa podemos adiantar que este ano contará con moitos contactos”. Ás nove da noite sairá a comitiva fúnebre das inmediacións do Concello e trasladarase ata a avenida Rosalía de Castro onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca da pirotecnia Reiriz.