Trinta mulleres participan no curso de palillar que ofrece o Concello de Cervo como antesala do Encontro que haberá en abril.

Trinta mulleres participan no curso de palillar que ofrece o Concello de Cervo como antesala do Encontro que haberá en abril.
 
O curso de palillar arrincou este mes de febreiro con 30 mulleres inscritas, que se xuntan os luns e mércores de 16 a 18 horas na Casa da Cultura para practicar esta arte tradicional guiadas pola profesora de encaixe Modesta Lombardero. Unha actividade que se vén desenvolvendo nos últimos anos como complemento ao Encontro de Palilleiras e no que as alumnas melloran as súas destrezas. 
Polo tanto, trátase dun curso de continuidade, “que todos os anos ten moi boa acollida e no que as participantes contribúen a manter viva esta tradición artesanal”, tal e como asegura a edil de Igualdade, Pilar Armada. Así, “ímonos adiantando ao Encontro, experimentando a sensación de palillar e preparándonos para ese grande evento”.
En canto ao Encontro, Armada asegura que o Concello, xunto coas profesoras Mari Luz Méndez e Modesta Lombardero, levan varios meses traballando na programación deste ano, que vai contar con numerosas novidades.