Uxía presenta este venres, 19 de decembro, en Burela o espectáculo A cantar con María Fumaça, co que pretende dar visibilidade aos nenos que sofren algunha discapacidade

Uxía presenta este venres, 19 de decembro, en Burela o espectáculo A cantar con María Fumaça, co que pretende dar visibilidade aos nenos que sofren algunha discapacidade
 
A Concellería de Cultura presenta este venres, 19 de decembro, a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura, o concerto A Cantar con María Fumaça. A actividade forma parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Burela para estas datas e reivindica a celebración da vida a partir dunha idea orixinal da cantante galega Uxía. A entrada será libre ata completar aforo e o espectáculo esta dirixido ao público familiar.
Tal e como adiantan dende a Concellería de Cultura, María Fumaça nace como un proxecto da cantante Uxía para agasallar a Ruí, o seu afillado, un cativo con discapacidade. Dende hai anos, e sempre polo Nadal, Uxía logra reunir a unha morea de artistas amigos, para transmitir xuntos e a través da música, as súas ganas por vivir. Aínda que inicialmente esas reunións se facían na casa de Ruí, pouco a pouco foron pasando a converterse nun proxecto musical que reivindica a diferenza entre persoas como unha normalidade. 
Este ano o proxecto A cantar con María Fumaça chega a Burela, da man do plan Nadal en Rede, unha iniciativa promovida pola Rede de Dinamización Lingüística, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O espectáculo, de 60 minutos de duración, contará coa dirección e participación de Uxía, quen estará acompañada ao acordeón por Santiago Cribeiro e á guitarra por Héctor Lorenzo. Entre os principais obxectivos, a actividade persigue dar maior visibilidade aos nenos con discapacidade, así coma acadar as condicións idóneas de accesibilidade en tódolos ámbitos da vida diaria. Todo elo sen perder a alegría, tal e como recorda o lema deste proxecto: cantar e bailar para ser máis feliz.