Xeoruta dos Arcos e Xeoruta dos Ollos, organizadas por segundo ano consecutivo polo Concello de Ribadeo a través das contornas de As Catedrais e Rinlo. Serán ata o 18 de setembro.

Xeoruta dos Arcos e Xeoruta dos Ollos, organizadas por segundo ano consecutivo polo Concello de Ribadeo a través das contornas de As Catedrais e Rinlo. Serán ata o 18 de setembro.
 
Deron comezo as dúas Xeorutas, que  organizadas polo Concello, discorren pola contorna praia de As Catedrais e polo o pobo de Rinlo. Levaranse a cabo ata o 18 de setembro, segundo anunciou hoxe a concelleira de Turismo, Ana Martínez, que lembrou que “Ribadeo foi pioneiro o ano pasado na posta en marcha destas iniciativas”.
 
A edil nacionalista comentou que “pasado o ecuador deste mes de xullo vemos como Ribadeo está a tope de xente, como ano tras ano nos imos posicionando como ese destino turístico preferente para moitas persoas. Desde o Concello nos sentimos alagados por esta elección de tanta xente que quere vir visitar a nosa vila, o noso concello, e queremos seguir apostando por un turismo responsable e sostible que combina o goce co coidado. Iso é moi importante cando un destino turístico quere posicionarse debemos apostar, pero tamén conservar e coidar”.
 
Martínez dixo que “dá gusto ver a nosa costa case virxe, escoitando a moita xente que nos di que en poucos lugares a poden ver así, esa costa aberta que respecta o entorno e o medio ambiente para nós tamén é unha satisfacción. Nesa aposta seria tamén desde o Concello vemos os froitos. Podemos ver diversas noticias nas que nos posicionamos pola excelencia en lugares destacados de portais de internet como un turismo importante en praias e hoteis. En definitiva como ese destino que imos construíndo entre todas e todos os ribadenses para que sexamos atractivos en practicamente todo o mundo. Como xa ven dixo o alcalde hai uns días Ribadeo luce como unha estrela neste universo do turismo”.
 
A concelleira de Turismo explicou que “neste marco onte puxemos a andar unha iniciativa que tamén foi pioneira no concello de Ribadeo o ano pasado como son as Xeorutas. Hoxe podemos ver como outros concellos tomaron esta iniciativa o cal para nós é importante porque hai concellos próximos que tamén están poñendo en valor esa parte do patrimonio xeolóxico que nós temos case no seu punto máximo na praia de As Catedrais”.
 
Ana Martínez manifestou que “se ben estas rutas non soamente se centran na praia de As Catedrais senón que buscamos un pouco dar diversidade e que o visitante que se achegue á praia poida coñecer o resto da evolución xeolóxica da nosa contorna. De feito vaise mergullar nunha viaxe de máis de cincocentos millóns de anos aquel que decida facer estas Xeorutas, que xa o ano pasado tiveron unha gran acollida cando máis de tres mil persoas as realizaron”.
 
A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo indicou que “poden gozar de dúas visitas interpretadas con persoas expertas en temas xeolóxicos e medioambientais. Unha será na contorna próxima á praia de As Catedrais, esa é a Xeoruta dos Arcos, que se converte nun pequeno paseo por ese litoral ribadense coñecendo os arcos rochosos dende a parte superior e cando a marea o permite se pode baixar á praia. Poderase facer durante os meses de xullo e agosto ata o 18 de setembro incluído, de martes a domingo, con catro saídas, ás 11:00 horas, ás 12:30 horas, ás 17:00 horas e ás 18:30 horas. O grupo máximo é de quince persoas para así poder explicar e manexar o grupo nunha contorna un pouco complicada, e para obter información tanto nesta ruta dos Arcos como da Xeoruta dos Ollos, que será pola contorna de Rinlo será a través da páxina web de turismo.ribadeo.gal ou directamente en ascatedrais.gal”.
 
Martínez engadiu que “a Xeoruta dos Ollos está na contorna do pobo mariñeiro de Rinlo ao que moita xente tamén se achega a gozar dese encanto peculiar que ten Rinlo, e teremos un horario un pouco diferente, será os venres en horario de tarde de 17:00 horas a 18:30 horas, e os sábados e domingos en horario de mañá. Tamén en grupos reducidos de quince persoas e o punto de encontro será na pista de San Pedro de Rinlo”.