Xove prepara a XIV Festa do Polbo da Pedra, que se celebrará o día de Xoves Santo a partir das sete da tarde.

Xove prepara a XIV Festa do Polbo da Pedra, que se celebrará o día de Xoves Santo a partir das sete da tarde.
 
Xove acollerá a XIV Festa do Polbo da Pedra o día de xoves santo. O organizadores sinalan que “somos un grupo de hostaleiros de Xove que queremos contribuír a promocionar o noso pobo, para o que pensamos en organizar unha festa gastronómica, xa que esa é a área na que mellor nos desenvolvemos. O mesmo que outros lugares da comarca, cremos que temos produtos que son merecentes de ser promocionados; coincidimos todos en que o polbo da pedra, denominación coa que coñecemos o polbo que se captura na nosa costa, é un  produto de altísima calidade, tal como nolo amosan os numerosos viaxeiros e turistas que pasan polos nosos establecementos. Sabemos que noutros lugares de Galicia se celebran festas do polbo, pero esta queremos que naza cun xeito diferenciador, e ese xeito está en que o polbo que se traballa na Costa de Lugo (especialmente no que atinxe ós nosos portos de Morás e Portocelo) é un polbo distinto do que se acostuma a tomar noutros lugares e feiras de Galicia; o noso é un polbo cunha cor máis escura, os raxos son máis longos e a cabeza máis pequena, e cremos tamén, aínda que esta é unha opinión particular, que se trata dun polbo de máis calidade que ese outro que se colle sobre todo nas grandes rías”.
A organización explica que “xa imos pola XIVª edición, o que quer dicir que esta festa consolídase ano a ano, o que nos enche de orgullo. Para esta edición, que vai comezar ás 19:00 horas, ousexa, que a partires das sete da tarde xa se vai comezar a repartir polbo, a organización dispón duns 1.500 kg. de polbo que vai ser preparado polos diferentes locais en multitude de variedades. Dicir, neste sentido, que cada ano os distintos hostaleiros elaboramos diferentes  e novas receitas cada edición, co fin de sorprender aos visitantes, sen deixar tamén  de cociñar o polbo nas súas formas máis tradicionais”.
A organización deste evento corre a cargo dos seguintes establecementos: Cafetería A Roda, Pizzería A Fuga, O Refugio, “Café-Bar Pepe, Cafetería-Pulpería Bar Cociña, Cafetería Centro Cívico, O Medulio, O Rincón de Nuria, Pizzería Onde Sempre e restaurante Terra Mar. “Contamos tamén, e non podía ser doutra maneira, co importante patrocinio e colaboración  do Concello de de Xove. Tamén, durante a festa, imos a disfrutar da música tradicional de Saiñas de Xove, quenes coas súas gaitas e tambores van animar a xornada. Por último, aproveitamos para animar e invitar a participar nesta Festa, a toda a xente de Xove, da Mariña e doutros lugares que queiran, nesta data, disfrutar dunha importante e agradable xornada gastronómica”, engaden.