Este sábado, 15 de outubro, terán lugar en Burela os 21 Xogos Autonómicos de Fútbol Sala Trofeo Carlos Outeiriño, que organiza Special Olympics e cos que colabora o Concello. 250 deportistas participarán na competición que se celebrará nos pavillón Vista Alegre e no dos institutos en Burela, ademais de en San Ciprián e en Cangas de Foz.
O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que “o próximo xoves, día 13, ás doce da mañá no salón de plenos do Concello de Burela, imos facer a presentación dos 21 Xogos Autonómicos de Fútbol Sala Trofeo Carlos Outeiriño, que está organizados por Special Olympics e tamén imos colaborar o Concello de Burela e outras asociacións como pode ser Fademga”.
O rexedor considera que “é unha boa nova para Burela anunciar este evento deportivo onde van participar 250 deportistas con discapacidade intelectual e vai ser o sábado, 15 de outubro”.
Alfredo Llano explicou que “comezarán aproximadamente ás dez e media ou ás once da mañá, a facer os seus xogos e competicións en varios pavillóns. Van ser no Vista Alegre e no pavillón dos institutos en Burela, máis no de San Ciprián e no de Cangas de Foz. Van estar estes catro pavillóns a tope desde as dez da mañá ata as oito da tarde, para que todo o mundo poida participar, estes 250 deportistas, que veñen acompañados de máis 50 adestradores”.
O alcalde burelés subliñou que “son 17 asociacións de toda Galicia as que van participar aquí, e imos apoiar en todo o que poidamos para que salga un evento no que todos eles participen e ao mesmo tempo que o pasen extraordinariamente ben no noso concello. Teremos un acto de inauguración o sábado ás once menos cuarto no pavillón Vista Alegre de Burela”.
Finalmente Llano convidou “a todo o mundo a participar, a ver este evento, que veñan aos diferentes pavillóns. Hai tres Concellos implicados e eu penso que vai ser un espectáculo para todo aquel que se achegue a estas instalacións deportivas”.